Sthela Táboas 12/10/2021

Victoria Alonso afirma que “o PP de Mos minte e engana para defender ao Celta” pois non amosou tanto interés nos restos atopados nas obras da cidade deportiva, como nos do Castro de Torroso

No pasado pleno, a corporación municipal debateu unha moción na que se reclamaba implicación por parte do Concello para a recuperación e posta en valor do patrimonio do Castro de Torroso, “Aspecto que se leva reclamando dende fai tempo, pero que dende o goberno dos populares non mostran interese”, subliñan dende o PSOE de Mos.

Na súa intervención a voceira socialista, Victoria Alonso, expresou o malestar polo trato do goberno local co patrimonio do Concello. Poñendo exemplos coma que “na escavación levada a cabo recentemente pola parroquia de Pereiras, está financiada polo Comunidade de Montes xa que a Administración Local, a pesares de ser coñecedor da intención da veciñanza por recuperar ese castro, non colaborou”. Outro exemplo di Alonso “foi o dos restos atopados durante as obras dos campos do Celta, sendo os restos atopados enviados para o Museo Provincial sen darlle maior difusión, nin mostrar interese, dicindo que isto fora así tamén polo empeño en que as obras seguisen e non darlle publicidade o atopado”.

As referencias ao proxecto do Celta “desestabilizaron a bancada dos populares que durante a intervención do concelleiro delegado de patrimonio, Leo Costas, dixo que a Comunidade de Montes de Pereiras foi quen comprou os terreos cos cartos do Celta para facer esa excavación”. Dende o PSdeG de Mos esperan “que dito concelleiro se retracte de tales declaracións e pida desculpas ante a veciñanza. Ditos terreos foron comprados alo menos un ano antes de pechar dito acordo e estando a anterior directiva ao cargo da Comunidade. En dita compra colaborou a Comunidade de Montes, a Asociación de Veciños e Comisións de Festas”.

A concelleira socialista di que “estas declaracións son froito da tensión que ten o Partido Popular por defender a Mouriño e que parece mentira que un concelleiro de dita parroquia diga tal afirmación. Tales declaracións foron feitas co beneplácito da alcaldía que asentía coa cabeza”. Alonso finaliza dicindo que “queda demostrado que no Partido Popular de Mos están dispostos a dicir calquera tipo de engano, con tal de defender o proxecto da cidade deportiva de Mouriño”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad