Sthela Táboas 08/10/2021

O Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga acolle esta actividade, ideal para todos os públicos, idades e condicións físicas, que ten como principais obxectivos a saúde e o benestar emocional

O prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar xa se atapa aberto para poder formar un grupo e comezar a adestrar

O Campo de Fútbol de Cototorrón, acolleu hoxe ás 13.30 h, a presentación do proxecto ‘Fútbol a Pie’ coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias Figueroa; o concelleiro de Deportes, José Areal; o presidente do Club Louro Tameiga,  Patricio Farrapeira; o director do proxecto ‘Fútbol a Pie’, José María Rial Chapela e o coordinador de zona, Manuel Núñez.

Con esta presentación ábrese o prazo de inscrición para as persoas da área metropolitana que estean interesadas en practicar esta orixinal disciplina, xa que Mos, concretamente o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga, será sede e centro neurálxico de ‘Futbol a Pie’ na zona.

Nas últimas semanas xa se veñen realizando sesións de proba e demostración da actividade en Cototorrón, para que os interesados comproben de primeira man se lles gusta e,cos que se animen, poder formar un grupo para comezar a adestrar. A actividade desenvólvese todos os luns e mércores en horario de 19.30 h a 20.30 h.

Iglesias e Núñez, promotores do proxecto, explicaban esta mañá que “a idea nace dunha maneira moi simple. Existe moitísima xente á que lle gusta o fútbol e que algunha vez na súa vida, xa ben fose de maneira máis ou menos profesional, practicou este deporte oulle gustaría facelo, sen embargo cando chegan as limitacións físicas da idade ou de calquera problema de saúde, máis ou menos grave, estas impídenllo”.

“Cremos firmemente”, continuaron o director e coordinador de ‘Fútbol a pie’ “que se pode adaptar a todo tipo de xente, sen importar idade nin xénero, e cumprir así un soño para moitos, como sería comezar ou volver practicar un deporte que segue sendo o número ún, en canto a número de seguedores e practicantes”.

No ‘Fútbol a Pie’ as tarefas e os esforzos a realizar serán sempre supervisadas por un médico e serán dirixidas por persoas co perfil adecuado para elo.

O obxectivo da actividade baséase en tres aspectos fundamentais: aspecto físico, aspecto psicolóxico e aspecto social; que se poderían resumir claramente cos obxectivos expostos en: deporte, saúde, e benestar emocional.

Trátase dunha actividade a desenvolver en dúas ou tres sesións semanais. Estas sesións estarán debidamente estruturadas e preparadas para que se cumpra o consello da OMS de realizar asiduamente unha actividade saudable tanto física como psicolóxicamente para manter un nivel aceptable de forma.

As sesións constan de 10 minutos iniciais de quecemento como introdución á parte principal na que se irá progresivamente preparando aos practicantes para afrontala sen risco algún de lesións (aquí os estiramentos e a mobilidade articular serán unha parte fundamental), seguidos dos 45 minutos da parte principal consistente nun partido de fútbol a pé que terá unha duración de dous tempos de 20 minutos separados por un descanso de 5 minutos entre eles. Para rematar finalízase con 5 minutos de volta á calma, parte fundamental de relaxación e estiramentos.

A práctica do ‘Fútbol a Pie’ está recomendada tanto para mulleres como homes con independencia da súa idade, condición física ou o seu estado de saúde.

As relacións sociais e o benestar emocional son o obxectivo fundamental, así como fomentar o envellecemto activo.

Cada grupo de adestramento non superará as 14 persoas (7 por equipo) e contará cun híbrido entre “adestrador” e “árbitro”, coa misión de facer cumprir as regras do xogo e de formar técnica e tácticamente ás persoas participantes.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad