Carmela Silva e Sandra González asistiron á inauguración do recinto, un dos máis grandes de Galicia no ámbito das disciplinas urbanas sobre rodas, financiado ao 100% polo Plan Concellos
O Concello de Tomiño conta desde hoxe cunha nova área deportivana contorna da Alameda deGoián, que permitirá á veciñanza do municipio desfrutar de disciplinas urbanas como o skate, bmx, scooter ou roller e que foi financiada ao 100% a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun investimento de preto de 240.000 €. A presidenta provincial, Carmela Silva, inaugurou este novo recinto, un dos máis grandes de Galicia neste ámbito, xunto á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o tenente de alcalde e deputado provincial Uxío Benítez, nun acto que contou cunha demostración de skateboard, scooter e bmx.
O proxecto, que inclúe a área de skate e outra pista polideportiva, forma parte de ‘Máis Goián’, que integra unha serie de intervencións de reforma urbana e recuperación do espazo público para conectar os distintos equipamentos da vila a través da mobilidade peonil, nas que o Concello contou coa colaboración da Deputación. O obxectivo é que estes equipamentos estean todos situados a poucos minutos de distancia camiñando, coa finalidade de crear un lugar de encontro para a veciñanza e o centro neurálxico da vida social e comercial de Goián.
No deseño do novo espazo, que ocupa unha superficie de 4.000 m2 e conta coa área para deportes sobre rodas e outra pista polideportiva, o Concello contou coa participación da mocidade, que fixo as súas aportacións, así como co asesoramento de expertos e empresas especializadas, entre os que se atopa persoal técnico organizador do Marisquiño.
A nova infraestrutura, que complementa outros equipamentos deportivos da zona, permitirá a práctica destes deportes sobre rodas desde un nivel inicial ata o avanzado, converténdoo nun dos skatepark referentes a nivel provincial e galego para a práctica de disciplinas freestyle sobre rodas.