As achegas aprobadas suman un total de 429.300 € e irán destinadas a Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela e con elas realizaranse actuacións no alumeado público, na rede de saneamento ou nos viarios
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra volveu a aprobar recursos para os municipios da provincia no marco das liñas 1 e 2 do Plan Concellos. Nesta ocasión deu luz verde a 429.300 € para Baiona, O Porriño, Gondomar, A Cañiza e Redondela, cos que se actuará no alumeado público, na rede e saneamento ou no pavimento de viarios.
A Baiona chegarán 154.800 € da liña 1 cos que o concello urbanizará e mellorará o alumeado público de tres rúas do barrio da Anunciada e do Camiño Longueiriña. As obras comprenden a rehabilitación e acondicionamento de viarios e beirarrúas así como a revisión e reforzo das instalacións urbanas existentes. Pola súa banda, Gondomar contará con 63.500 € da mesma liña para as obras de mellora da pavimentación na estrada do Mosteiro, na parroquia de Donas. Con elas intervirase nun trazado comprendido entre a conexión coa EP-2304 ata o entroque coa estrada de Nogueira, no que se mellorará o firme e instalaranse saídas de augas pluviais para evitar encharcamentos.
Para O Porriño a Xunta de Goberno aprobou 65.800 € da mesma liña co fin de ampliar a rede de saneamento en Eidos do Medio, na parroquia de Cans, nun tramo que actualmente carece deste servizo. Ademais, A Cañiza aumentará a dispoñibilidade de auga no depósito de Porto de Augavella cunha achega provincial de 60.000 € que servirá para construír un novo pozo de barrena.
No que atinxe á liña 2, para Redondela foron aprobados 85.200 € que o concello destinará aos sectores máis afectados pola pandemia que poderán financiar gastos de aluguer, a cota de persoas autónomas, a electricidade e os seguros.