Mónica Romero 01/10/2021

Exposicións, demostracións gastronómicas, visitas guiadas… son parte das actividades previstas

Esta fin de semana comeza a I Feira da Cabaza que ao longo de todo o mes de outubro se vai celebrar no municipio tudense.

A Oficina de Turismo acolleu esta mañá a presentación a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro, as concelleiras de Comercio, Ana Mª Núñez, e de Cultura, Sonsoles Vicente, Carlos Picho, Juan Carlos Boo e Telmo Alfaya, membros da organización e José Martínez Tato, presidente do club AndaTui.

Areas, Baldráns, Caldelas, Guillarei, Paramos, Pazos de Reis, Pexegueiro, Randufe e Rebordáns acolllerán de forma simultánea e paralela ao longo do mes de outubro exposicións de cabazas e actividades relacionadas con este produto da man de asociacións culturais e veciñais en cada unha delas. Unha mostra de produtos que irá medrando semana a semana, e na que se poderán ver múltiples variedades de cabazas, e algunhas de gran tamaño.

Esta fin de semana, sábado e domingo ás 17.30 h, terá lugar ruta inaugural no tren turístico da Eurocidade no que viaxarán polas parroquias as autoridades e membros da organización. As vindeiras fin de semana repetiranse estas viaxes para que o público en xeral poida achegarse as distintas mostras abertas nos centros culturais.

A Feira pecharase o sábado 30 e o domingo 31 de outubro en Tui centro cunha gran exposición e venda de cabazas e actividades paralelas con obradoiros tanto para público infantil coma adulto. A cabaza será a protagonista das receitas que cociñarán os chefs Iván Méndez e Alejandro Iglesias dentro do proxecto Eurochef de Eurural. Tamén o tudense Miguel Rodríguez, xefe de cociña do Parador de Tui e Baiona, fará unha demostración gastronómica con este produto. Súmanse a esta iniciativa os establecemento de restauración que durante o mes de outubro incluirán nas súas cartas pratos con cabaza.

Tamén cada fin de semana continuarán as visitas guiadas a pozas e regadíos nas parroquias que leva a cabo o club AndaTui.

Esta mañá na presentación o alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitaba aos organizadores desta feira porque dicía “con estas iniciativas facemos concello e facemos país” e expuña que dende o concello “ante unha iniciativa tan importante coma esta o noso deber e a nosa responsabilidade de estar ao lado destes proxectos que son singulares e de moitísimo valor”. Amosou o seu convencemento no éxito desta edición e no crecemento desta actividade en vindeiros anos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad