Estas novas medidas consisten na modificación da Ordenanza Fiscal nº21, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, onde se contemplan bonificacións e exencións
O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade a proposta do goberno local de novas medidas fiscais encamiñadas a paliar os perxuizos económicos para a veciñanza derivados do proceso simplificado de valoración colectiva levado a cabo pola Dirección Xeral de Catastro no Concello.
Estas novas medidas consisten na modificación da Ordenanza Fiscal nº21, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, onde se contemplan bonificacións e exencións.
En concreto, serían bonificacións dun 90% sobre a cota íntegra do imposto nas parcelas que non teñen a superficie mínima para edificar, é dicir as de menos de 450 metros cadrados, e nas parcelas que non cumpren os parámetros urbanísticos por inedificabilidade temporal. A aplicación desta bonificación levarase a cabo a petición do titular do inmoble e debe ser solicitado anualmente.
Ademais aprobouse a exención naqueles recibos nos que resulte unha cota líquida inferior a 7 euros, que xunto coa bonificación anterior fará que moitos destes inmobles non teñan que aboar o imposto.
Estase ante a aprobación da maior bonificación da ordenanza do IBI da historia do Concello e de todos os Concellos da contorna, que dará cabida a milleiros de parcelas que se atopan en situación de inedificabilidade pero dentro de núcleo, e que dende sempre consideramos que se producían as situacións mais inxustas.
Estas medidas únense as xa tomadas pola corporación municipal, como a creación dunha oficina de atención e asesoramento no propio concello, a solicitude para que o ORAL dosificase os recibos dos catro anos de retroactividade, a ampliación de prazos nas xestións con catastro e a rebaixa do tipo impositivo ao mínimo legal pasando dun 0,5€% ao 0,4%.