Carmela Silva: “PortAmérica é un buque insignia que vai marcar de novo a historia da provincia e un exemplo da sinerxía entre as administracións”
Volver á súa orixe e celebrar a vida. Son dúas das premisas fundamentais coas que este ano regresa trala pandemia o Festival Portamérica, o último da marca Rías Baixas Fest que promove a Deputación de Pontevedra. A antiga Azucreira de Portas estreouse hoxe como novo escenario do evento coa presentación da nova edición, que terá lugar os vindeiros 1 e 2 de outubro e que “vai marcar de novo a historia da provincia de Pontevedra e dos festivais musicais”, como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva. Xunto a ela participaron tamén no acto Kin Martínez, director do festival; Juan Martínez, xefe de patrocinios musicais de Estrella Galicia; Jacobo Sutil, director de Agadic; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, e o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez.
Este ano, o festival cambia o seu xa tradicional emprazamento en Caldas por Portas, debido á imposibilidade de facelo na carballeira caldense por motivos loxísticos e coxunturais e para primar a seguridade das persoas asistentes. Carmela Silva quixo recoñecer ante os representantes de ámbolos dous concellos este “acto de xenerosidade” de dous municipios “gobernados por partidos diferentes” que nas actuais circunstancias, “nas que hai que tomar decisións dolorosas”, entenderon que “había que salvar PortAmérica”. “É un xesto de xenerosidade que os fai moi grandes e todas e todos temos que tomar exemplo desta forma de actuar”, subliñou.
Carmela Silva definiu PortAmérica como “un símbolo da provincia, ao igual que o resto dos Rías Baixas Fest” e “un buque insignia da industria musical”, liderado por Kin Martínez e un equipo “que está a construír unha provincia mellor”. E salientou que o programa desta edición “é sorprendente, cun cartel brutal e vai ser espectacular o que vai acontecer con eses grupos musicais tan potentes”. A presidenta puxo en valor o potencial da provincia pontevedra neste eido cultural, “porque aquí temos a maioría dos festivais musicais de Galicia, aquí temos a maioría dos de cinema, temos industrias musicais e audiovisuais potentísimas” e congratulouse de que por fin se retomaron este 2021 os festivais musicais “que enchen a provincia de cultura, musica, alegría, xente, e que poñen en valor esta provincia máxica que ten uns espazos que realmente son extraordinarios”. Destacou así mesmo o apoio das outras administracións “porque isto é o que a xente desexa ver, que somos capaces de construír e traballar conxuntamente”, e tamén das empresas patrocinadoras.
Carmela Silva destacou a aposta pola igualdade deste festival, plasmada entre outras iniciativas nas barras con nome de protagonistas femininas coas que contará o evento: “Grazas por pensar que as mulleres temos que ter nome propio e ter presencia –subliñou-. E imos estar presentes, con grandes referentes mulleres que teñen construído o mundo que estamos pero que non aparecen en ningún lugar”. Tamén salientou o feito de que se identificarán espazos cos nomes de todos os concellos da comarca, “porque o mundo local está xogando un papel moi relevante e o debemos recoñecer”.
Pola súa parte, o director Joaquín Martínez agradeceu o apoio que permite seguir a celebrar o festival e, en especial, o da institución provincial e “o das persoas que se sumaron a nós e entenderon que non podía haber dous anos sen PortAmérica”.
Programación
“PortAmérica. Orixe” busca reinventarse tralo parón da pandemia, volvendo aos seus comezos, coa reunión de grande parte dos artistas cos que xurdiu e traballa desde os seus inicios e coa homenaxe a proxectos vinculados co festival que foron reformulándose neste tempo. Deste xeito o principal reclamo serán dous concertos únicos e exclusivos de bandas moi vencelladas ao evento: Deluxe, o antigo grupo de Xoel López, que se reunirá por vez primeira trece anos despois do seu último concerto, e a volta de Le Punk, banda que permanecía inactiva dende o 2009. Tamén haberá concertos de Vetusta Morla, Tropical Jesus, Novedades Carminha, Jenny & The Mexicats, Ortiga, Eladio y los Seres Queridos, Pablo Lesuit, Furious Monkey House e La Duendeneta.
Como ao resto dos festivais, a Deputación levará as súas campañas de igualdade e sustentabilidade. No primeiro caso, coa proxección dun audiovisual para seguir denunciando o acoso e a violencia machista e, no caso da sostibilidade, animando ás persoas a compartir un momento Rías Baixas divertido nun sistema de transporte moi ecolóxico como é o globo. Neste espazo da institución haberá información sobre a importancia do consumo da artesanía e o produto local no marco das experiencias turísticas.