A coreógrafa e bailarina interpretou “Maldita fenda” ante o alumnado de terceiro da ESO do IES Salvaterra de Miño, no marco do programa de visibilización das violencias machistas que desenvolve a Deputación de Pontevedra
Demostrar a fortaleza e a capacidade transformadora das mulleres, visibilizar o seu traballo e crear conciencia da carga e o peso que estas soportan foron as grandes protagonistas da peza de danza contemporánea de Xiana Vilas hoxe en Salvaterra. No marco dunha nova acción do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, a artista vilagarciana fixo con “Maldita fenda” un chamamento claro e emotivo á sororidade e á igualdade. A actuación foi seguida en directo por un centenar de alumnos e alumnas de terceiro da ESO do IES Salvaterra de Miño, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a alcaldesa do municipio, Marta Valcárcel.
A acción comezou coa condena e a dor polo último crime machista esta madrugada na Coruña, co presunto apuñalamento de Mónica pola súa parella, que xa contaba con antecedentes por violencia de xénero a outras dúas mulleres. Deputada, alcaldesa e artista fixeron mención ás 35 asasinadas a man das súas parellas ou ex parellas en España no que vai de ano para alzar a voz, unha vez máis, contra esta lacra presente na sociedade.
Xiana Vilas iniciou a súa actuación, creada ex profeso para “Violencia Zero”, cuns tacóns e unha capa negra símbolo do peso que tiveron que soportar as mulleres durante os últimos séculos. “Maldita fenda” consistiu nunha interpretación bailada na que a bailarina e coreógrafa foi mudando de posición e “transformándose” ata rematar erguéndose ao ritmo da música. Deste xeito, Xiana desfíxose da súa capa e foi ampliando o espazo no que se movía ao tempo que citaba a mulleres fontes da súa inspiración como Isadora Duncan (pioneira na danza contemporánea), para a continuación preguntarlle ás rapazas alí presentes os seus nomes para citalas e fomentar a sororidade entre mulleres. A peza, cuxa duración non superou os 20 minutos, rematou cunha danza final protagonizada por unha banda sonora forte e enérxica da que Vilas se serviu para representar a forza das mulleres.
Esta foi a vixésima acción levada a cabo dentro da sexta edición do programa, que este ano ten como lema “Emerxencia cultural, urxencia feminista! Nin un paso atrás na loita contra a igualdade”. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia desde o seu inicio en 2015, o programa da Deputación de Pontevedra seguirá reivindicando a igualdade de xénero por toda a provincia ata que remate o ano.