Sthela Táboas 16/09/2021

O Xulgado do Social de Vigo confirma unha vez máis que se trata de traballadores por conta allea tal como mantivo sempre a CIG

Unha nova sentenza, nesta ocasión do Xulgado do Social nº 2 de Vigo, recoñece a relación laboral existente entre as empresas do Grupo Coren e o falso persoal cooperativista de Servicarne, confirmando as teses da CIG, que leva anos denunciando en solitario que se trata de traballadores por conta allea e non autónom@s, como as compañías sosteñen.

Esta decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do TSXG, chega tras a actuación de oficio da Tesourería Xeral da Seguridade Social para dar de alta no réxime xeral a todo o persoal de Servicarne que presta servizo en Frigolouro do Porriño, ao constatar que o verdadeiro empresario do persoal de Servicarne é Frigolouro, empresa esta última que “organiza o traballo, asume o risco das operacións e coloca a súa estrutura ao servizo dos traballos e dos teóricos soci@s traballadores de Servicarne”.

Na acta de infracción da Seguridade Social, que recolle a sentenza, establécese que existe dependencia da actividade da cooperativa respecto do proceso produtivo da empresa, que a cooperativa carece de autonomía real para organizar e dirixir o traballo, así como que esta non realiza xestión de provedores nin ten unha política única de dirección de empresa dos utensilios nin da roupa de traballo.

Tamén recolle que a prestación de servizos efectúase persoalmente, con permanencia e de xeito habitual dentro da organización de Frigolouro, non tendo os soci@s as facultades pertinentes para aceptar ou rexeitar o traballo encomendado. Ademais, Servicarne non aporta outro elemento que a man de obra e as súas xornadas laborais rematan canda as de Frigolouro.

De feito, sostén que a transferencia económica efectuada pola empresa á cooperativa “vén a enmascarar o pago de salarios aos soci@s en retribución polos servizos en conta allea prestados á mesma”. Polo tanto, dá por confirmado que concorren os elementos de “alleidade, dependencia e retribución” que caracteriza o traballo por conta allea.

As sentenzas feitas públicas nos últimos meses que están a confirmar que se trata de persoal falso autónomo, polo que procede dalo de alta no réxime xeral da Seguridade Social, son consecuencia da loita que mantén a CIG xunto a moit@s dos afectad@s dende hai anos para denunciar as condicións de explotación que padecen estes traballadores e reclamar o seu recoñecemento como persoal por conta allea.

Dende o primeiro momento a central sindical tivo que batallar en solitario, sen o apoio do resto dos sindicatos con representación nestas empresas, e coa oposición das propias direccións das compañías, aínda que agora algúns destes sindicatos “se subiran ao carro” para intentar “anotarse un tanto” e xustificarse pola súa “complicidade” coas empresas, segundo critican dende a FGAMTCIG.

Andando o tempo, as denuncias presentadas pola CIG diante da autoridade laboral en Ourense, Pontevedra e Lugo derivaron na creación dunha dirección especial na Inspección de Traballo adscrita á autoridade central e ás direccións territoriais para investigar a fraude de enormes dimensións que se agochaba no sector cárnico, que utilizaba a Servicarne como fornecedora de man de obra barata e sen dereitos de ningún tipo.

A investigación rematou coa alta de oficio na Seguridade Social de miles de traballadores, e que as grandes empresas do sector lles tiveran que aplicar as condicións laborais do resto do seu cadro de persoal. As compañías recorreron a decisión, pero os xulgados están a darlle a razón á CIG.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad