Mónica Romero 14/09/2021

O bispo de Tui-Vigo, D. Luís Quinteiro, protagonista da nova conferencia do Foro do Camiño Portugués

O vindeiro martes, 21 de setembro, o Concello de Tui recupera, tras a paréntese estival, a celebración do Foro do Camiño Portugués, creado o pasado mes de abril. Nesta ocasión contará coa intervención de Monseñor D. Luís Quinteiro Fiuza, bispo da diocese de Tui-Vigo.

A presenza de Monseñor Quinteiro resulta unha oportunidade para recoller unha visión do Camiño Portugués dende o ámbito relixioso, inherente á propia historia e valores da peregrinación a Santiago de Compostela ao longo do tempo e que hoxe segue ben presente nas motivación dun sector de peregrinos. Amais a Igrexa é un dos principais axentes implicados na xestión do Camiño de Santiago.

D. Luis Quinteiro (Sabrexo-Vila de Cruces, 1947) realiza os seus estudos teolóxicos na Universidade Pontificia de Comilllas que completa, tras a súa ordenación como presbítero en 1971, na Pontificia Universidade Gregoriano de Roma especializándose en filosofía contemporánea, onde acada o doutorado. Na diocese compostelá foi, entre outras tarefas, director do Instituto Teolóxico. Foi nomeado en 1999 bispo auxiliar de Santiago de Compostela, en 2002 bispo de Ourense e, dende o 28 de xaneiro de 2010, é bispo da diocese de Tui-Vigo.

Monseñor Quinteiro, pola súa traxectoria académica e pastoral, posúe un amplo coñecemento da realidade e vitalidade do Camiño de Santiago que enriquecerá as visións ofertadas ata este momento dende o Foro do Camiño, mostrando así as múltiples facetas do fenómeno da peregrinación xacobea con especial referencia ao Camiño Portugués.

Esta conferencia terá lugar o vindeiro martes 21 de setembro ás 19 horas na Aula Cemit (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) e poderase seguir por streaming a través da páxina web do Concello de Tui www.tui.gal. Un número limitado de persoas poderán asistir presencialmente ata completar o aforo do local, debendo realizar unha inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que inaugurou o pasado 20 de abril Juan Manuel López-Chaves ao que lle deu continuidade a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o 25 de maio e o presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns no pasado 22 de xuño. Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con case 4.000 amigos, etc.

Laureano Alonso sinala que esta iniciativa de creación do “Foro do Camiño Portugués” forma parte da vontade do Concello de Tui de prepararse para o escenario post-covid no ámbito da peregrinación xacobea levando adiante novas iniciativas que contribúan ao posicionamento do Camiño Portugués e de Tui cara ao futuro que como estamos comprobando neste último mes comeza a recibir peregrinos de múltiples nacionalidade abrindo un esperanzador horizonte.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad