O gañador de entre os 6 finalistas sairá da batalla que terá lugar o sábado 18, a partir das 17.00 h, no Parque do Cristo
A Concellería de Festas do Concello do Porriño e a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Porriño -OMIX-, organizadores do segundo concurso “Improvisdado, Batalla de Debuxantes”, anuncian os últimos preparativos desta segunda edición que terá lugar o 18 de setembro, dentro da programación das Festas do Cristo.
A produtora do evento, “Vella Escola”, distribuíu un vídeo co trofeo deseñado para premiar ao gañador entre os 6 participantes seleccionados para competir na final. O acto terá lugar o vindeiro sábado, no Parque do Cristo, a partir das 17.00 h.
A Vella Escola preparou un escenario onde os seis finalistas terán que improvisar un deseño artístico cos utensilios proporcionados. Serán valorados por un xurado formado por “O Ras” -gañador do concurso en 2020-, así como os artistas PowOne e Sax.
A animación do ‘Improvisdado’ estará a cargo de DJ Santi nos pratos, e Tai Beatbox ao micrófono.