José Docampo 10/09/2021

Segundo denuncia o BNG, a Garda Civil vulnerou os dereitos de varias persoas, pertencentes a distintos colectivos veciñais, que asistían como espectadoras á competición. Os axentes negáronse a aclarar as razóns en que se amparaban para realizar esta actuación e limitáronse a dar como resposta un “porque si”.

O Bloque Nacionalista Galego reclama explicacións ao Goberno do Estado polas identificacións inxustificadas e sen amparo legal que a Garda Civil realizou a persoas que asistían como espectadoras, na localidade de Mos, á Volta Ciclista. O deputado da formación, Néstor Rego, demanda que se investiguen os feitos e se depuren responsabilidades pertinentes e estabelecer as sancións ante esta actuación que vulnera liberdades e dereitos civís da cidadanía.

Na penúltima etapa da Volta Ciclista, entre Sanxenxo e Castro de Herville (Mos), a Garda Civil identificou a varias persoas vinculadas a diversos colectivos de protección do medio ambiente e comunidades de montes que presenciaban o evento. Estas persoas mantiveron en todo momento unha actitude pacífica sen interferir no transcurso do acto deportivo e sen alterar o orde público.

Cando os axentes da Garda Civil comezaron a identificalas, as persoas interpeladas preguntaron, tal e como teñen dereito, o motivo da actuación e pediron que se lles informara sobre as razón que tiñan para proceder a identificalos. Mais os axentes limitáronse a dar como resposta un “porque si” sen chegar a aclarar as razóns en que se amparaban para realizar esa actuación.

“Debe lembrarse que a Lei de protección da seguridade cidadá recolle de maneira expresa o dereito da persoa á que se solicite que se identifique de ser informada de modo inmediato e comprensíbel das razóns de dita solicitude” explica o deputado nacionalista. Neste sentido, Néstor Rego reclama ao Ministerio de Interior que se investiguen os feitos e se proceda a depurar responsabilidades, así como estabelecer as sanción que correspondan ante a mala praxe dos axentes, contraria á legalidade vixente. “Este tipo de actuacións vulnera as liberdades e dereitos civís dos cidadáns e cidadás” destaca Rego.

A actuación da Garda Civil resulta “claramente abusiva e non se ampara na legalidade vixente” e non existía tampouco xustificación para a actuación e “os axentes non cumpriron co deber de información que se lles exixe”. Paralelamente, a formación nacionalista tamén quere coñecer se se deron instrucións para realizar estas identificacións e, de ser así, “cales son os motivos e razóns que as xustifican”.

“A práctica de identificacións en vía pública precisa da existencia de indicios fundados para realizala e non un simple porque si. O Goberno do Estado  ten que actuar na identificación inxustificada da localidade de Mos” salienta Rego. Os axentes, para o deputado nacionalista, non cumpriron co seu deber de dar a coñecer o motivo polo que se requiría a identificación das persoas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad