Familia Caamagno, Conjunto! Evite, Silvia Penide e Barry White Gone Wrong actuarán para o público este venres 10 de setembro, na segunda xornada do Encontro Profesional de Músicas no Miño
As tres xornadas do MUMI 2021 Encontro Profesional das Músicas no Minho arrincaron onte e, coa benvida aos profesionais inscritos por parte da organización e dos concelleiros de Cultura de Tui e Valença, Sonsoles Vicente e Mário Rui de Oliveira respectivamente.
A área profesional do MUMI, localizada na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, acolleu ademais na primeira xornada un faladoiro que reuniu a dúas entidades centradas nos direitos dos artistas: a SGAE, representada polo músico Teo Cardalda, e a Fundaçao GDA, pola que participou Eduardo Simões, o seu director xurídico. A música ao vivo puxérona os galegos Oîma e os portugueses José Valente e TheGuitKune Do.
O MUMI está patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença a través do proxecto Unicidade; tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Mel: Piquenique das artes!.
A choiva intermitente do xoves fixo que os concertos programados para a tarde nas rúas de Tui pasaran ao Teatro Municipal desta localidade.
A banda portuguesa Cassete Pirata e os galegos O Sonoro Maxín precederon no recinto á Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación, o espectáculo inaugural do MUMI 2021. Un proxecto que se formula como unha extensión natural da Orquestra Galega de Liberación, baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo e que se estrea no MUMI.
Así este venres 10 están previstos tres faladoiros: “Festivais: creando experiencias arredor da música”, que contará coa participación de Julio Gómez (Festival Sinsal) Luis García (Artes á Rúa) e Jordi Lauren (SON Rías Baixas), entre outros; na mesa “Diferentes fórmulas de apoio á cultura” participan Rosa Bugallo ( Bodegas Martín Códax), María Teresa Cores Fernández (Afundación), João Ribeiro da Silva (DireçaoRegional de Cultura do Norte) e Francisco Madelino (Inatel).
O último faladoiro de mañá titúlase “As salas de concertos, un referente no sector” e congregará a responsables de salas galegas e portuguesas, especialmente afectadas pola crise da COVD19. Durante a mañá o as persoas asistentes terán oportunidade de participar en speed meetings que servirán para poñer en contacto a profesionais e empresas que operan en Galicia e Portugal.
A previsión metereolóxica do venres 10 permite levar a música ao vivo ás prazas de Tui: así pola tarde Silvia Penide e Conjunto! Evite actuarán na Praza de San Fernando. A banda portuguesa Barry White Gone Wrong e a galega Familia Caamagno farán o propio no Teatro Municipal de Tui. A xornada cerra cun concerto só para profesionais de emmyCurl, a artista nacida como Catarina Miranda en Vila Real de Trás-os-Montes, na aurora da década de 90 e que está a ser unha das revelacións músicais portuguesas no último ano.
MUMI 2021 PROGRAMA SEXTA-FEIRA 10 SETEMBRO
VALENÇA
- 10:00 PT/11:00 GZ: FALADOIRO Festivais: creando experiencias arredor da música. Zona PRO
- 11:00 PT/12:00 GZ SHOWCASE. Xacobe Martínez Antelo Quinteto. Auditório Zona PRO
- 11:45 PT/12:45 GZ: FALADOIRO Diferentes fórmulas de apoio á cultura. Zona PRO
- 15:00 PT/ 16:00 GZ: FALADOIRO As salas de concertos, un referente no sector. Zona PRO
- 16:30 PT/ 17:30 GZ. SHOWCASE Jorge da Rocha. Zona PRO Valença.
TUI
- 19:30 GZ /18:30 PT SHOWCASE Silvia Penide. Praza de San Fernando (Tui)
- 20:15 GZ / 19:15 PTSHOWCASE. BarryWhiteGoneWrong. Teatro Municipal de Tui
- 21:00 GZ/20:00 PT SHOWCASE Conjunto! Evite. Praza de San Fernando (Tui)
- 21:45 GZ/ 20:45 PT, Familia Caamagno. Teatro Municipal de Tui
- 23:00 GZ/22:00 PT emmyCurl. Espazo Off (Tui)