C21 solicita sendas intervencións nos petroglifos da Macoca e do Camiño do Raposo
O concelleiro de C21, José Palacín, acaba de solicitar por rexistro de entrada a mediación do Concello, e por suposto toda a colaboración do mesmo, coa Entidade Menor de Pazos de Reis, para mellorar a situación do petróglifo da Macoca ante a presenza dunha grella e a limpeza do entorno e sinalización dos petróglifos do Camiño do Raposo.
Estes petróglifos están protexidos baixo a categoría de Bens de Interese Cultural establecida pola Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia. Na mesma quedan establecidos os contornos de protección, correspondendo o de 200 metros aos bens integrantes do patrimonio arqueolóxico e que se incumpre notoriamente no caso do petróglifo da Macoca.
No mesmo sentido, tamén deberían tomarse medidas cos inmediatos petróglifos do Camiño do Raposo que presentan unha situación altamente perigosa para a súa conservación ao estaren rodeados por unha densa maleza e especies pirófitas como a acacia negra que crece ao pé das rochas sen ningún control. Debemos lembrar que nos últimos anos en Galicia se veñen perdendo por causa dos incendios forestais innumerables manifestacións rupestres que se ven afectadas pola termoclastia.
Por iso, os liberais solicitan levar a cabo as pertinentes medidas correctoras, actuando de acordo a normativa establecida, dado que tanto o petróglifo da Macoca coma os do Camiño do Raposo atópanse recollidos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e no do PXOM, e están protexidos coa máxima categoría establecida pola lei, a de Ben de Interese Cultural.