A rexidora porriñesa manifestou “a satisfacción do Concello” polos compromisos da xunta para os arranxos tanto no instituto coma no colexio
A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, manifestou “a satisfacción do Concello polos compromisos adquiridos pola Consellería de Educación para arranxar centros de ensino do municipio, que agardo sexa o sinal dun cambio de actitude da Xunta de Galicia cara a Porriño e que esa atención ás nosas necesidades non remate aquí”.
A rexidora porriñesa valorou hoxe como “moi necesaria” a obra de mellora da eficiencia enerxética do Instituto de Ensino Secundario “Pino Manso”, que presentou este mércores o conselleiro Roman Rodríguez cun investimento de máis dun millón e medio de euros”.
García de la Torre subliñou tamén o compromiso acadado co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, que acompañou ao conselleiro, para “acometer no Colexio Fernández López a retirada da actual cuberta de uralita -que ten amianto- e a súa substitución por materiais máis modernos e non nocivos”.
Nesta obra o Concello “vai colaborar coa remodelación dos teitos da parte das aulas de Infantil, de acordo co proxecto que a Consellería realizou e que nos enviará nos vindeiros días para establecer a nosa colaboración orzamentaria” rematou Eva García.