A competición foi presentada hoxe no Centro Interfederado de Tui e celebrarase os días 4 e 5 de setembro
O Campionato de España de Radiocontrol Térmico celebrarase os días 4 e 5 de setembro en Tui, organizado polas Reais Federacións Real Española e Galega de Motonáutica, contando coa colaboración do Concello de Tui, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Asociación Avelaiña.
A cita deportiva foi presentada hoxe no Centro Interfederado de Tui, un acto no que estivo presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, acompañado polo concelleiro de deportes, Rafael Estévez; o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández; os vogais da entidade deportiva, Carlos Estévez e Marcos Cabaleiro; o piloto galego, Emilio Cadaveira; o Comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, e o xefe de Servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.
Na súa intervención Enrique Cabaleiro agradeceu á Real Federación Galega de Motonáutica o feito de volver elixir Tui para a celebración deste campionato, convidando os tudenses a asistir á proba, ao desenvolverse nun espazo natural aberto e sempre coidando as medidas de seguridade sanitarias.
O presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, xunto ao piloto Emilio Cadaveira, explicaron os pormenores do desenvolvemento da proba facendo fincapé en que esta vai ser a única proba en España e en Europa desta categoría no último ano.
Pola súa banda, o concelleiro de deportes, Rafael Estévez, animou aos veciños de Tui a asistir a este campionato que vai ser moi divertido e sobre todo atractivo para os máis pequenos e tamén maiores.
Finalmente, xefe de Servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, salientou a importancia deste campionato e a estreita colaboración existente en Tui entre as distintas administracións, clubs e organizacións para que a cidade sexa sede de moitos campionatos e probas.