Sthela Táboas 31/08/2021

Os próximos 4 e 5 de setembro celébrase en Tui a quinta edición da Feira do Peregrino, un evento que rende homenaxe a tod@s @s peregrin@s que nalgún momento pasaron por Tui

Miles e miles de peregrinos pasan cada ano por Tui no seu camiño cara a Santiago de Compostela, sendo esta cidade a porta a Galicia do Camiño Portugués, o segundo máis concorrido tralo Camiño Francés.

Tralo parón obrigado no 2020 pola COVID-19, volve a Tui a Feira do Peregrino, unha feira que chega á súa quinta edición organizada pola Asociación de Comerciantes e Industrias de Tui -Acitui-, Asociación Turismo Cidade de Tui e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Tui, e que os próximos días 4 e 5 de setembro encherá a vila tudense con numerosas actividades como unha homenaxe a todos eses peregrinos que, durante séculos, pasaron polas súas rúas no seu camiño a Santiago de Compostela.

Esta Feira, que contará con todos os protocolos e medias anticovid establecidos, chegará cun programa cargado de actividades de todos os ámbitos, desde música, cultura, animación, entretemento e moito máis.

Os actos comezarán o sábado 4 de setembro, con charlas e conferencias no Aula Uned de Tui relacionadas co Camiño de Santiago e baixo o Forum Peregrino 2021, organizado pola Asociación Peregrina Iacobus e que continuarán o domingo.

Ás 11h do sábado dará inicio, no Paseo da Corredoira, o Mercado de Artesanía do Peregrino; e en horario de tarde levarase a cabo, en colaboración con Alfombristas do Camiño de Santiago, a confección dunha alfombra floral de 28 m2 no rechán da Catedral de Tui.

Os actos principais deste sábado serán, o acto homenaxe ao peregrino, coa recreación escenográfica teatralizada da chegada a Tui de Cosme de Medici III, Príncipe da saga dos Medici, que pasou por Tui na súa peregrinaxe a Santiago desde o seu desembarco no Río Miño ata a súa chegada á Catedral de Tui, este acto terá lugar a partir das 17:30h.

Ás 18:45 h levarase a cabo a lectura do pregón desta Feira da man de Miguel Pampín Rúa, Gran Mestre e Presidente da Orde do Camiño de Santiago, nas escalinatas da Catedral de Tui.

Ás 19.00 h na Catedral de Tui terá lugar a Misa do Peregrino, oficiada polo Excelentísimo e Reverendo Don Luís Quinteiro Fiuza, Bispo Diocesano de Tui-Vigo.

Este primeiro día complétase con actividades infantís, concurso de caracterización do peregrino, proxección audiovisual e unha Gran Espectáculo de Queimada con Conxuro.

O domingo 5 de setembro continúan as actividades do día anterior como conferencias, feira de artesanía, pasarúas, concurso de debuxo e a actuación teatral de humor do grupo ‘Fulano, Mengano e Citano’ coa súa obra “O que hai que ver!”.

Tui homenaxea e agradece deste xeito a tod@s @s peregrin@s que no seu día, percorreron, percorren e percorrerán as súas empedradas e históricas rúas no seu camiño cara a Santiago de Compostela.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad