Galandum Galundaina e Uxía, ao vivo na clausura do MUMI. O Encontro Profesional das Músicas no Minho celébrase do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença
O MUMI 2021, que se desenvolverá do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença, contará para a súa clausura cun concerto dobre protagonizado por dúas das propostas musicais de maior renome a ambas beiras do Miño: a banda portuguesa Galandum Galundaina e a artista galega Uxía. O Encontro Profesional das Músicas no Minho, que tamén terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui durante os tres días de duración. Ademais dos dezaoito showcases xa anunciados de bandas galegas e portuguesas, o encontro acollerá un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros. Os concertos de apertura e clausura, asi como a maior parte dos showcases, estarán abertos ao público xeral. Patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença, tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Bodegas Martín Códax, Gadis e Mel: Piquenique das artes.
O concerto de clausura terá lugar o 11 de setembro nas Cortinas de São Francisco (Valença) ás 21h portuguesas e 22h galegas. Considerado como un dos proxectos musicais máis relevantes no contexto folk de Portugal durante os últimos vinte e cinco anos, Galandum Galundaina construíu un espazo no que o pasado e o futuro da música arraiana van da man. A formación, considerada a embaixadora da música das Terras de Miranda, desenvolve un traballo de investigación ao redor dos instrumentos tradicionais -extraordinario no caso da gaita de fol mirandesa pero tamén en aparellos sonoros de construción propia- así como de promoción cultural, coa organización de eventos como o Festival itinerante de cultura tradicional “L Burro i l Gueiteiro”. Paulo Preto, Paulo Meirinhos, Alexandre Meirinhos e João Pratas son Galandum Galundaina, con catro discos de estudio e un DVD ao vivo no seu haber; é sobre no escenario onde resplandece un repertorio vocal e instrumental na herdanza do cancioneiro tradicional das Terras de Miranda, no que as harmonias vocais e o ritmo das percusións transportan a un universo atemporal.
Pola súa parte, Uxía é unha das maiores embaixadoras da música e a poesía galegas. Nos seus máis de 35 anos de carreira artística renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, combinando alalás con morna, fado ou ritmos brasileiros. Algúns dos temas máis recorrentes que explora nos seus traballos son a busca dun espazo para a voz da muller, o diálogo entre culturas, a poesía contemporánea galega e portuguesa e a defensa da identidade lingüística. Creou o seu repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como Dulce Pontes, António Zambujo, Sara Tavares ou Tito Paris, e en España con artistas como Santiago Auserón, Martirio, Carmen París ou Sílvia Pérez Cruz.
Os showcases programados de bandas e artistas de Galicia e Portugal, a maior parte deles abertos ao público, serán a columna vertebral do MUMI 2021. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto conforman a relación dos showcases galegos programados. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén nove: Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Káustika, TAKATUM apresenta Ah!Ah!Ah! e The Guit Kune Do. A Orquestra Galego Portuguesa de Liberación ofrecerá o concerto de apertura do MUMI 2021 o xoves 9 de setembro en Tui no Paseo da Corredoira ás 21:30h galegas e 20:30 portuguesas.