Trátase dunha das 20 accións previstas en espazos naturais galegos no marco dun programa conxunto das consellerías de Medio Ambiente e de Política Social
Ata o vindeiro 28 de agosto o arquipélago tamén acolle un campo de voluntariado organizado pola Xunta e dirixido a moz@s de entre 18 e 30 anos
As illas Cíes acollerán durante toda esta fin de semana a 12 participantes no programa de voluntariado ambiental interxeracional impulsado este ano polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social. Desde onte e ata o vindeiro domingo, os voluntariosrealizaránun amplo abano de actividades de carácter ambiental ao aire libre, baixo a dirección e supervisión dos propios técnicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Entre as accións programadas cómpre subliñar a eliminación de especies alóctonas presentes no arquipélago; a limpeza de praias para a retirada de lixo mariño; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.
Os 12 participantes confirmados pasarán os tres días na propia illa, para o que se aloxarán nas instalacións propiedade do Parque e tamén en tendas de campaña.
Cómpre lembrar que esta é a segunda quenda do programa de voluntariado interxeneracional que acolle este ano Cíes, despois de que a comezosde xuño outras 12 persoas pasaran xa unha fin de semana nestas illas desenvolvendo tarefas similares.
Durante agosto e setembro, o Parque Nacional das Illas Atlánticas tamén acollerá outras accións de voluntariado ambiental nos arquipélagos de Sálvora -con dúas quendas previstas para os días 27, 28 e 29 deste mes e para o 10, 11 e 12 de setembro-; Cortegada -3, 4 e 5 de setembro-; e Ons -24, 25 e 26 de setembro-.
En total, e ata o vindeiro mes de outubro, hai programadas en toda Galicia 20 accións de voluntariado ao abeiro desta iniciativa, que esgotou as 228 prazas dispoñibles o primeiro día de inscrición, e se desenvolverá en 16 dos espazos naturais máis senlleiros de Galicia, ofrecendo aos seus participantes unha ocasión única para coñecelos en profundidade.
Por outra banda, o arquipélago de Cíes tamén acolle estes días a outro grupo no marco dos campos de voluntariado, que organiza cada ano a Consellería de Política Social dentro do seu programa Acción de verán.
Desde o martes 17 e ata o vindeiro 28 de agosto, unha ducia de voluntarios de entre 18 e 30 anos realizarán nas illas tarefas de carácter medioambiental, consistentes sobre todo en labores de mantemento, vixilancia de incendios, información e sensibilización ao visitante e intervencións puntuais de mellora no Parque, en colaboración cos traballadores do mesmo.
Ademais, durante esta cuarta e última quenda do campo de voluntariado 2021 nas Cíes, os participantes están a acometer tamén traballos de limpeza na illa sur, o que lles permitirá coñecer de primeira man unha das zonas menos frecuentadas do arquipélago, xa que se trata da única illa non comunicada por barco de viaxeiros.