O Concello informa de que, tras a súa reforma integral, a Biblioteca Municipal levará o nome de María Magdalena, gran poeta da Louriña que faleceu esta semana aos 99 anos de idade.
‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, será o nome do edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello ten previsto reformar mediante un proxecto de mellora integral para o que opta a subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Deste xeito a casa das letras mosense levará o nome da principal representante das letras de Mos, sendo bautizada co nome de María Magdalena, gran poeta da Louriña que falecía esta semana aos 99 anos de idade, “en gratitude e recoñecemento polos seus impagables labor e valía cultural e persoal”.
Ademais, o Concello comprométese a dotar a Biblioteca Municipal da obra completa de María Magdalena, pois polo de agora só están dispoñibles algúns dos títulos publicados, para que os lectores poidan desfrutar íntegramente dela nas novas instalacións, unha vez sexan reformadas. A súa obra literaria completa está composta por obras en galego-poesía: Alborada do Val da Louriña 1986 (primeira edición), Colleita de soños tristes 1990, Alborada do Val da Louriña 1992 (segunda edición), Retrancas 1993, Sementeira de soños 1994, Amores na lúa 1998, Tempos de chorar 2001, A quen lle dou unha estrela? 2005, Alma de can 2009. Literatura infantil-xuvenil: O baúl das lembranzas, poemas para nenos, 2005. E obras en castelán-poesía: Un nuevo amanecer 1991, Como el manantial 1993, Mariposas de invierno 1994, En él doblaron lanas campanas 1998, Sueños de cristal 2001, Golondrinas en el cielo 2005.
A fin de tratar a proposta de bautizar a Biblioteca co seu nome celebrouse esta mañá unha Xunta Local de Voceiros, na que se expuxo a proposta que contou co consenso e aprobación unánime de todos os grupos integrantes da Corporación Municipal.
María Magdalena Domínguez Domínguez, gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, falecía esta semana tras unha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística.
Naceu en Mos e desde moi novo foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Dedicou moitos dos seus poemas ao seu marido, entre outros ‘Alborada do Val da Louriña’, que tardou 30 anos en publicarse, en 1986. As súas primeiras lecturas e inspiracións, tomounas xa na escola lendo a Rosalía de Castro, con quen quedou moi impactada. Tamén admiradora de Daniel R. Castelao e Álvaro Cunqueiro entre outros. Nunha ocasión participou nunha representación teatral no Porriño, da obra de Castelao ‘Os vellos non deben namorarse’, engadindo ela ao título “das mozas novas”, versión que se segue conservando. O Concello de Mos, no ano 2016 rendeulle unha homenaxe polo seu 94 aniversario, recoñecendo o seu mérito ao ser unha das tres mellores poetas galegas autodidactas.
Mos vive, polo tanto, días tristes pola perda dunha muller referente e pioneira no ámbitos da cultura, a igualdade e o empoderamento feminino.
A alcaldesa de Mos dedicou tamén unhas palabras de recoñecemento para a escritora: “Día triste para Mos, día triste para as nosas letras e a nosa cultura, día triste para a loita municipal pola igualdade e o empoderamento feminino, xa que se nos foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. Fóisenos a poeta da Louriña, fóisenos a gran María Magdalena. Da miña mesma parroquia, veciña da parroquia de Mos, María Magdalena foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. Lamentamos a triste perda do seu pasamento e trasládolle o meu máis sentido pésame á súa familia, amigos e seres achegados. A miña máxima gratitude a María Magdalena, Medalla ao Mérito do Concello de Mos. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores, polo que as grazas cara a ela son hoxe e sempre, infinitas. Grazas María Magdalena, en Mos por sempre e para sempre”.