Terá lugar este sábado e domingo de 09.00 h a 21.00 h no Polideportivo Municipal e reunirá a máis de 250 participantes
Esta mañán a alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”; á que tamén asistiron o presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, José Luis Cabaleiro, e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural -onde se realizou a presentación-, así como patrocinadores do torneo.
O responsable federativo manifestou “a nosa ledicia pola altísima participación que acada esta primeira edición, polo que non dubidamos en brindar a nosa colaboración aos organizadores” segundo declarou Cabaleiro.
O evento deportivo, que terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal de 09.00 a 21.00 h o sábado e domingo, reunirá a máis de 250 participantes de todas as categorías, procedentes de toda España e de Portugal. Haberá tamén competición para persoas con discapacidade.
O concelleiro de Deportes, David Alonso, agradeceu tanto ao Círculo Recreativo Cultural como á Federación Galega “a súa disposición xa que colaboran aportando os taboeiros, aforrando así un considerable gasto para o Concello” e amosou a disposición da Administración Local “para que este sexa un evento deportivo de continuidade, agardando consecutivas edicións”.
A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos” manifestou Eva García, ao mesmo tempo que reivindicou que “o Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole que se organizan no noso concello” rematou a alcaldesa.