Sabela Landín 12/08/2021
rehabilitación vigo

A Xunta de Galicia acaba de asignar algo máis de 2 millóns de euros ao Concello de Vigo para financiar distintos tipos de actuacións de recuperación dentro das súas oito áreas de rehabilitación integral (ARIS).

Tras analizar todas as solicitudes recibidas e tendo en conta o cumprimento de obxectivos de cada concello nas convocatorias anteriores, o Goberno galego resolveu incluír a 22 entidades locais galegas no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para 2021 no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, cofinanciado polo Executivo autonómico e o estatal.

No caso concreto de Vigo, poderá xestionar algo máis de 2 millóns de euros para financiar actuacións dentro das súas oito ARIS —catro delas declaradas este mesmo ano e que, por tanto, reciben por primeira vez fondos—, o que supón a maior contía asignada a un municipio con cargo á convocatoria de 2021. Neste sentido, cómpre lembrar que a cidade olívica é o segundo concello galego (por detrás da Coruña) e o primeiro da provincia de Pontevedra que conta con máis figuras deste tipo.

Así mesmo, outro dos concellos do sur de Pontevedra incluídos no reparto é Tui, que conta cunha soa área de rehabilitación integral e con cargo á anualidade 2021 disporá de case 80.000 euros para financiar actuacións sobre a mesma.

Unha vez resolta a convocatoria deste ano e notificados os beneficiarios, o seguinte paso será asinar convenios específicos con cada un dos 22 concellos seleccionados para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan a convocar as correspondentes axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.

O importe máximo das subvencións dirixidas a particulares e comunidades de veciños é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo caso, poderá chegar ao 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o IPREM e cando se acometan actuacións de mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia hai persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada. A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad