Mercado do Peregrino, representacións teatrais, actividades infantís, conferencias forman parte do programa previsto
O sábado 4 e o domingo 5 de setembro celebrarase en Tui a V Feira do Peregrino cun programa de actividades destinado a potenciar o Camiño de Santiago Portugués.
A feira está organizada por ACITUI, Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, a Asociación Amigos do Camiño de Santiago de Tui e a Asociación Turismo Cidade de Tui , coa colaboración do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Iacobus e AGACS.
Na presentación deste evento, o pasado venres, participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Comercio, Ana María Núñez; o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco; vicepresidente da Asociación Turismo Cidade de Tui, Miguel Martínez, e o historiador Alfonso Ferreira.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradecía na presentación o labor de ACITUI na organización desta feira. Un evento que cualificaba coma “un instrumento máis dende o seu nacemento para traballar por seguir pondo en valor e seguir defendendo o Camiño Xacobeo ao seu paso por Tui”. Un evento que “este ano seguirá crecendo tras a pandemia e que vai a ser un rotundo éxito polo moito traballo que ten detrás para conseguir que sexa un referente máis alá do noso concello”.
Pola súa banda o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, salientaba que “este proxecto naceu no ano 2016 co obxectivo de potenciar o Camiño de Santiago Portugués histórico que discorre pola cidade de Tui”. Lembraba amais que no pasado mes de marzo inauguraron un monumento en forma de vieira na Praza de Galicia “demostrando que o Camiño Portugués está máis vivo ca nunca na cidade, un gran traballo para que este camiño non se esqueza”.
Miguel Martínez, representante da Asociación Turismo Cidade de Tui explicaba que “con esta Feira do Peregrino tratamos de loitar o máximo posible polo Camiño Portugués, motor económico importantísimo de Tui”. Un camiño que “trataremos de impulsar con esta quinta edición da Feira do Peregrino, estando ademais nun ano Xacobeo”.
Alfonso Ferreira, representante de Iacobus Tui Baixo Miño, avanzou as charlas e conferencias previstas sobre o Camiño Portugués. Nelas participarán personalidades tan importantes como Marcela Biserni, experta en camiños europeos e creadora da iniciativa “The ways of Europe” ou o docente Gonzalo García. Tamén haberá unha charla coloquio co escritor Luís Ferreira, experto especialista no Camiño de Santiago, quen falará das lendas e historias do Camiño portugués, outra co historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela, e ademais o propio Alfonso Ferreira presentará o seu libro “Lembranzas dun peregrino, contos de Lareira”.
Un mercado do peregrino será unha das actividades previstas durante a fin de semana do 4 e 5 de setembro. No programa figura tamén a celebración dun Forum cun ciclo de conferencias sobre o Camiño de Santiago Portugués coa presenza de diversos expertos. Completan a feira o pregón, unha homenaxe ao peregrino na figura de Cosme de Médici coa escenificación do seu desembarco no embarcadoiro da rúa Olímpicos Tudense, unha misa do peregrino, o concurso de pintura “Ilustra o Peregrino”, xunto a proxeccións audiovisuais, teatro, actividades infantís e unha andaina, forman parte do abano de propostas previstas.