Sthela Táboas 02/08/2021

O SERGAS vén de licitar un expediente de equipamento electromédico que, unido aos de mobiliario de oficina e mobiliario clínico licitados o mes pasado, permitirá equipar as novas instalacións segundo vaian rematando as súas obras

No que vai de lexislatura, a Xunta puso en servizo 6 novos centros de saúde, 8 reformas están en marcha e agárdase a construción doutros 4 novos centros e 3 reformas máis; aínda que o do Porriño segue agardando

A Xunta de Galicia vén de licitar no mes de xullo, un contrato de subministración de equipamento electromédico por valor de máis dun millón de euros destinado a adquirir desfibriladores, electrocardiógrafos, neveras de medicación, equipamento electromédico de exploración ou lámpadas de procedementos, exploración ou diagnóstico. O destino deste equipamento estará no futuro Centro Integral de Saúde de Lugo, nos centros de saúde reformados de As Pontes, Mugardos, Bertamiráns, Arnoia ou Ribadavia, e no hospital comarcal de Valdeorras, cuxa reforma está xa adxudicada.

Este expediente complementa outros dous licitados en xuño: un de mobiliario clínico por valor de case 353.000 € que incluía carros de parada ou padiolas, e un de mobiliario de oficina por importe superior aos 830.000 € que abranguía mesas, armarios, cadeiras, vestiarios e outro tipo de accesorios. Os destinatarios do equipamento a adquirir mediante estes dous contratos eran os centros sanitarios previamente mencionados xunto ao novo centro de saúde de Narón, recentemente posto en marcha e os servizos de farmacia que se están a reformar nos hospitais de Valdeorras, Santiago e Ferrol.

Deste xeito, a resolución destes expedientes de contratación permitirá equipar a estes centros novos ou reformados en canto vaian rematando as súas obras ou nos primeiros meses da súa posta en funcionamento.

O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

A licitación conxunta deste equipamento débese ao rápido ritmo de posta en marcha de novas ou reformadas infraestruturas sanitarias nesta lexislatura. En menos dun ano, a Xunta de Galicia ten posto en servizo seis novos centros de saúde e oito reformas e ten en marcha as obras doutros catro novos centros e tres reformas máis, xunto ás que comezarán trala adxudicación dos contratos de reforma xa licitados (como nos casos de Arnoia ou Ribadavia).

Ao tempo, o goberno galego ten en marcha obras nos principais hospitais galegos (xa en marcha a fase I do Plan Director de Ferrol, a ampliación de Montecelo en Pontevedra, a fase 0 do Novo Chuac, ou o illamento térmico do Meixoeiro en Vigo; xa adxudicadas as reformas de UCI e Farmacia en Santiago, e xa licitada a construción dun novo edificio de hospitalización e reforma do materno-infantil en Ourense), así como na meirande parte dos comarcais (en marcha a reforma do hospital de día de Monforte; adxudicadas as obras da sala de endoscopias do Barbanza, as reformas de consultas, farmacia e hospital de día de Valdeorras; adxudicado o proxecto de ampliación do hospital de Verín e licitado o proxecto para as fases II e III da ampliación do hospital da Mariña).

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 m2. Xunto ás obras que están en marcha, o investimento da Administración autonómica nestes 12 anos suma máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas, mentras o Centro de Saude do Porriño parece que non existe no mapa sanitario galego e segue agardando.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad