A Corporación aprobou por unanimidade o gasto de máis de 700.000 € en asfaltado e saneamento de vías municipais; duplicar a achega ao Festival de Cans e retomar a atención presencial no Concello
A Corporación municipal do Porriño aprobou por unanimidade dispoñer o gasto de 729.478 € para obras de asfaltado e saneamento de vías municipais, segundo se acordou o Pleno Ordinario de xullo celebrado onte. Trátase da primeira fase dun plan de actuación plurianual máis ambicioso, valorado en máis de 2 millóns de euros.
Este primeiro paquete de actuacións financiase con remanente de Tesourería. Foi negociado pola concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure cos demais grupos políticos da corporación local. A concelleira agradeceu nomeadamente ao Partido Popular e ao seu voceiro que “sexamos quen de chegar a acordos entre forzas políticas tan antagónicas” namentres Alejandro Lorenzo agradeceu á concelleira de Vías e Obras que “accedera a introducir as nosas propostas”.
BNG e EU SON votaron a favor, aínda que a voceira de Esquerda Unida, Patricia Sío expresou a súa discrepancia por non ter negociado a través da xunta de voceiros, en lugar de reunións bilaterais. Ao remate da votación, a alcaldesa Eva García felicitou a concelleira de Vías e Obras polo consenso acadado.
Tamén por unanimidade, a corporación porriñesa aprobou duplicar a achega ao Festival de Cans, que pasará de 20.000 a 40.000 € anuais, segundo a proposta que defendeu Cami Moreira, concelleira de Cultura. Con este incremento, o Concello deixará de gastar en prestar apoio loxístico ao Festival en valados, sinalización, carpas e outras; realizaranse polos responsables do Festival unha ducia de proxeccións en parroquias e barrios ao longo do ano, e haberá unha maior visibilidade nos actos do Festival, do apoio institucional do Concello.
A través dunha moción presentada polo grupo EU SON e apoiada polos restantes grupos políticos, o pleno da corporación acordou por unanimidade recuperar a atención presencial nas oficinas do Concello e prescindir da obrigatoriedade da cita previa para diversos trámites.
En consonancia, a alcaldesa Eva García anunciou que convocará a comisión municipal de seguimento da Covid para determinar as actuacións a seguir e valorar a estrea de novas restricións na hostalería local, xa que O Porriño entra a partires do sábado 31, en nivel alto, por decisión da Xunta de Galicia.