Coas concentracións queren rexeitar tamén os novos programas formativos, que reducen as contratacións.
A maioría do comité de Frigolouro (CCOO, CIG e UGT) vén de deseñar un calendario de mobilizacións ante a falta de vontade por parte da dirección para chegar a un acordo no pacto de empresa logo de dous anos e para rexeitar os programas formativos que reducen as contratacións.
As protestas terán lugar na entrada principal da empresa no Porriño os venres 16, 23 e 30 de xullo a partir das 13:30 horas. Nas dúas primeiras concentracións participarán unicamente os integrantes do comité, mentres que a do día 30 está aberta a todo o cadro de persoal.
Segundo explican dende a representación sindical, o pacto de empresa debe de recoller unhas melloras para o conxunto dos traballadores/as: tempo de descanso, melloras sociais e económicas.
“Pero a dirección quere só que se produza, sen importarlle en que condicións nin que consecuencias ten para o cadro de persoal”. Por iso fan fincapé en que “a nosa saúde non ten prezo e o tempo de descanso é saúde para todos/as”.
Ao mesmo tempo, lembran que a pasada semana presentaron nunha denuncia diante da Inspección de Traballo pola política de programas de formación da empresa pertencente ao grupo Coren. Esta nova modalidade supón na actualidade ter a 57 traballadores/as en formación, durante dous meses e de balde (sen contrato de traballo e sen alta na Seguridade Social) e logo contratar só o 40% durante seis meses. En consecuencia, a empresa non vai realizar contratacións durante o verán; polo que o resultado é que non se consolida emprego e a contratación é mínima.
“Non estamos dispostos/as a renunciar a un pacto de empresa digno, que mellore as nosas condicións e a rematar coa precariedade na contratación da formación”, sosteñen, ao tempo que fan un chamamento ao conxunto do persoal a participar na concentración que terá lugar o venres 30 de Xullo de 13:30 horas a 15:15 horas.