O alcalde e os concelleiros de Deportes e Turismo despediron aos membros do equipo olímpico uruguaio concentrado nas instalacións do Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo, dende o pasado 12 de xuño
Hoxe partiron dende Tui cara Toquio os membros da selección uruguaia de Remo que estiveron concentrados na cidade dende o pasado 12 de xuño. En concreto participarán nos Xogos Olímpicos Bruno Cetraro, que será o abandeirado da delegación uruguaia, e Felipe Kluver, xunto ao adestrador Osvaldo Borchi.
Na concentración que comezaron hai algo máis dun mes nas instalacións do Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo de Tui, tamén estiveron Martín Zócalo, Leandro Rodas e Eric Seawright – que participaron a semana pasada, na República Checa, no Campionato do Mundo Sub23 de Remo Olímpico, onde tamén competiu a remeira tudense Carlota González – e as remeiras Zoe Acosta, Cloe Callorda, Nicole Yarzon e Ynela Aires, que participaron no mes de xuño no Campionato de España, como preparación dos Campionatos Panamericanos.
Esta foi a segunda concentración desta selección nas instalacións tudenses. O ano pasado prepararan en Tui as probas clasificatorias para os Xogos Olímpicos. Tras acadar a praza para Toquio, o adestrador nacional uruguaio escolleu o noso concello para a preparación da cita olímpica.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez e o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, xunto ao presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González e a remeira Carlota González, estiveron esta mañá nas instalacións de remo de Tui, para despedir aos deportistas e desexarlles os mellores éxitos na súa participación na cita olímpica.