Segundo informa o PSdeG de Mos, o Concello gobernado por Nidia Arévalo encóntrase na procura de informes que apoien o recurso contra a sentenza que declarou irregulares as licenzas das obras de instalacións deportivas do Celta. Un deles sería o da Federación Galega de Fútbol, presidida polo expresidente da Deputación do PP e condeado por prevaricación e fraude en relación a unhas obras dun campo deportivo, Rafael Louzán.
Tras facerse pública a sentenza na que unha maxistrada valora como anulables e revisables dúas licenzas outorgadas ao Celta para a construción dos vestiarios e dun campo de fútbol, a decisión tomada polo Partido Popular dende o Concello de Mos foi presentar un recurso e solicitar informes que avaliasen o proxecto como positivo e favorable, segundo denuncia o Partido Socialista de Mos.
Un deses informes foi solicitado a Federación Galega de Fútbol, actualmente presidida por Rafael Louzán dende que xa non é presidente da Deputación de Pontevedra. Dende a bancada socialista din que esta é “unha manobra de distracción”, xa que este informe, entenden, non inflúe na hora de outorga a licenza nin de defender a legalidade dos procedementos levados a cabo. O documento limitaríase a dicir que as obras son imprescindibles para un clube da categoría do Celta.
Os socialistas queren salientar que dita Federación aínda segue presidida por un cargo do Partido Popular condenado a dous anos de cárcere por outorgar unha subvención para unhas obras nun campo de fútbol que xa estaban realizadas. Considerando que despois de quedar demostrada a mala xestión e ilegalidades do expresidente da Deputación en temas deportivos, os socialistas cren que “non está moralmente capacitado para outorgar informes favorables nunha cuestión tan delicada coma a que se está a tratar”.
A voceira socialista, Victoria Alonso, repróchalle a alcaldesa unha “actitude de desesperación” que a leva a botar man de compañeiros de partido vinculados a ilegalidades relacionadas con campos de fútbol para que avalen o seu “pelotazo urbanístico”. Engade que Rafael Louzán non debería seguir ao fronte de ningún cargo público, nin “é a persoa máis indicada para emitir dende a súa federación informes favorables en cuestión de campos de fútbol”. Finaliza dicindo que “cada día queda máis constatado que o Partido Popular e a actual rexedora teñen menos tino na hora de escoller as amizades, xa que continúan relacionándose con cargos condenados e empresarios especuladores no canto de velar polo municipio”.