A tenente de alcaldesa e concelleira de igualdade de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira presentou esta mañá a segunda edición do Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero que empezou a desenvolverse a pasada semana e que seguirá durantes os meses de xullo, agosto e setembro.
Na pasada edición participaron un total de 43 mulleres, tanto nos talleres como usuarias no Servizo Municipal de Asesoramento e Información Xurídica, Psicolóxica e Laboral.
Nesta segunda edición, os talleres reforzarán a inserción laboral, a aprendizaxe de estratexias no acceso ao emprego e o autoemprego así como as habilidades de comunicación para afrontar os procesos de selección.
O vindeiro martes día 6 arrancarán os talleres no Auditorio, sendo o primeiro o de ferramentas de sensibilización e prevención da violencia de xénero.
Traballarase un taller sobre a saúde, o benestar e a actividade física dende a perspectiva de xénero e se incorporan dous novos talleres, un sobre a cultura e o audiovisual como elemento para previr a desigualdade de xénero e outro sobre a era post-Covid para as mulleres no que se analizará a situación económica, social, laboral e emocional das mulleres neste momento de reconstrución.
O Servizo Municipal de Asesoramento e Información Xurídica, Psicolóxica e Laboral seguirá sendo a demanda. Non obstante, cada martes de 9:30 a 14:30 na segunda planta do Concello estará todo o persoal para prestar atención e información.
Castiñeiras quixo poñer en valor os resultados do pasado ano e a experiencia adquirida como base para deseñar o Programa desta edición que será executado novamente por Red Talento, con profesionais expertas en diferentes áreas e disciplinas. O Programa conta cun orzamento de 11.322,70€ e está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.
Realizaranse encontros con todas as participantes para a posta en común de experiencias, aspectos de mellora do programa, empoderamento colectivo e activación de redes así como visitas a empresas e axentes sociais e económicos, con mediación laboral e itinerarios de inserción que faciliten ás participantes a mellora da súa situación persoal, social e profesional.
Loli Castiñeira animou a todas as mulleres de Salceda a participar activamente nas actividades e a acudir aos servizos de asesoramento, que serán completamente gratuítos.
Verónica Tourón, alcaldesa “continuamos apostando pola igualdade, é unha satisfacción seguir acollendo este tipo de programas que melloran a situación das mulleres do noso concello tanto no ámbito social como no laboral”