A cantidade para atender estas subvencións ascende a 26.714,95 euros da achega da Deputación
Na sesión plenaria celebrada este xoves aprobáronse as axudas directas ás persoas autónomas e pequenas empresas. Tómase esta iniciativa para axudar a paliar a situación que atravesan debido a crise sanitaria.
A alcaldesa e responsable da área de comercio, explicou que estas subvencións están dirixidas a persoas autónomas, establecementos de hostalería, comercio e pequenas empresas de ata 10 persoas empregadas que teñan a súa actividade en Salceda.
O importe destas axudas directas será dun único pago de 500 euros e poderán compatibilizarse con subvencións de outras administracións. O prazo para as solicitudes comezará unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia.
Para a concesión destas axudas, explica a alcaldesa Verónica Tourón “o goberno local optou por un procedemento de tramitación áxil, co fin de que cheguen canto antes as axudas ás persoas e establecementos destinatarios”
Esta medida forma parte dun paquete de iniciativas que o goberno local ten establecidas para estes sectores, que se complementan con fondos propios destinados á programación de actividades dirixidas á promoción e fomento do comercio. Ademais estableceuse a exención da taxa de terrazas para os exercicios 2020 e 2021 e outras medidas económicas.