Existe un modelo de reclamación co que se anima aos veciñ@s a que o cubran e entreguen no propio centro de saúde
Como cada último xoves de mes, onte 24 de xuño, o grupo EU Son concentrouse diante do centro de saúde para reclamar unha atención primaria digna no Porriño.
“Xuntámonos con veciños e veciñas para deixar ben claro que non imos parar ata que o SERGAS nos devolva a atención presencial. Xa está ben de usar a pandemia como escusa para arrasar cos nosos dereitos. Tampouco imos aturar que a valoración da urxencia da atención no PAC non se faga por persoal sanitario”, indican dende EU Son.
Levan máis de tres anos loitando pola ampliación do centro de saúde “e ao final vai ser, así que queda claro que o que non dá resultado é calar, polo que pelexaremos polo que é noso”.
Por todo isto, fai unhas semanas iniciaron unha campaña informativa na rúa, e presentáronse xa varios centos de reclamacións no propio centro de saúde, polo que “animamos á veciñanza a seguir a facelo cubrindo cos seus datos persoais o modelo que colgamos nas redes sociais”.