José Docampo 23/06/2021

O Concello de Mos pinta uns bancos das cores do arco da vella, convoca un concurso de frases reivindicativas e instalará a bandeira LGTBI+ no exterior da casa consistorial para conmemorar a festividade do Orgullo.

Representantes do Concello de Mos presentaron hoxe as iniciativas municipais para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI+ que se celebra o vindeiro luns 28 de maio. Fixérono nas Angustias, Sanguiñeda, onde se atopa un dos varios bancos coa bandeira multicolor, pintados estes días na localidade mosense, de xeito conmemorativo con motivo da devandita data.

De novo este ano por mor da Covid-19, a Concellería de Mocidade, Participación Cidadá e Política Social e Igualdade decidiu non organizar ningunha actividade. As accións do Concello para celebrar a loita do colectivo consistirán novamente nun concurso, esta vez, de frases conmemorativas polo día LGTBI+; o pintado de bancos en lugares “destacados” do municipio (o auditorio multiusos, Puxeiros e Sanguiñeda), e a instalación da bandeira LGBTI+ no balcón do Concello.

O Concurso da frase para exposición na fonte das Angustias ten un prazo de presentación de candidaturas que comezou o 19 de xuño e remata hoxe 23 xuño. Para o envío as persoas participantes no concurso deben remitir un correo electrónico ao enderezo omix@concellomos.es coa frase conmemorativa que presenten a concurso (dúas por persoa), nome, idade, dirección e teléfono de contacto. Poden participar as persoas maiores de 12 anos.

As frases que se presenten a concurso deben constar dun máximo de 30 caracteres con espazos, contabilizándose como 1 carácter cada espazo. Ningunha frase poderá superar esta lonxitude. As frases deberán conter unha mensaxe que reivindique os dereitos ou empoderen ás persoas LGTBI+.

Só se admite un correo electrónico por persoa participante. A frase gañadora estará exposta dende o día 25 ata o 30 de xuño nas pantallas da rotonda das Angustias.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad