O Concello do Porriño xa iniciou os trámites xunto coa F.Galega de Atletismo para que se envíen técnicos para verificar a homologación das pistas
O Concello do Porriño iniciou os trámites ante a Real Federación Española de Atletismo para que envíe técnicos, a fin de verificar e homologar as pistas de atletismo municipais da Granxa, o que permitirá albergar competicións e validar marcas.
O concelleiro de Deportes, David Alonso, manifestaba que deste xeito “acadaría a rendibilidade social, deportiva e económica dunha instalación que custou algo máis de un millón de euros, aportados polo Plan Concellos da Deputación”. Considera que a homologación “vai ser unha gran noticia non só para O Porriño, senón tamén para a contorna”.
O concelleiro mantivo unha reunión co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, quen explicou que a homologación das pistas do Porriño pódese acadar a través da recente normativa aprobada pola R.F.E.A. que nun apartado recolle a validación a estes efectos das que se definen como “instalacións singulares”. Enténdense como tales calquera instalación de atletismo na que, sen poderse disputar todas as probas, si que sexa posible a celebración de xeito acorde a regulamento, dalgunhas ou da meirande parte”.
David Alonso explicou que “precisamente neste suposto encaixan as pistas municipais da Granxa, que permiten celebrar probas de velocidade e valas na pista de 60 m; probas de velocidade, medio fondo e fondo na pista circular de 200 m e, por outra parte, no módulo semicuberto, as probas técnicas de saltos de altura, pértega, lonxitude e triplo salto”.
Pola súa parte, Hornillos manifestou “o interese da Federación de Atletismo en que o Concello acade o máis cedo posible esa homologación, para que se aumente a dotación de pistas para competición nunha zona de gran tecido atlético como é o sur de Galicia e o norte de Portugal”.