A rexidora porriñesa recibíu no salón de Plenos a unha representación dos sete equipos participantes
A alcaldesa do Porriño, Eva García ofreceu esta mañá unha recepción aos equipos participantes na fase final do Campionato de España de Balonmán cadete masculino, que está a celebrarse no Porriño dende onte.
Acudiron representantes das delegacións dos sete equipos: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba, Grupo IMQ Gijón, CBM Delicias Play 360 Valladolid, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño Conservas Orbe.
O acto celebrouse no salón de plenos do Concello, onde tomaron asento os capitáns dos sete equipos. Acompañaron á alcaldesa o delegado da Federación de Balonmán, José Carlos de Castro; e pola banda da directiva do Balonmán Porriño, Lucía Freiría.
Eva García felicitou aos sete equipos por chegar a esta fase final, tendo un recordo agarimoso para o Granollers que debido ao contaxio por Covid de varios xogadores, non puido viaxar ao Porriño.
A alcaldesa subliñou a condición de “gran favorito do Barcelona para levarse este Campionato pero agardo que os do Balonmán Porriño vos dean moita, moita guerra”, dixo Eva García.
Como remate da recepción, a alcaldesa entregou aos delegad@s dos sete equipos, unha caixa conmemorativa cunha bola de Pan do Porriño e un libro sobre a obra do noso arquitecto, Antonio Palacios.