José Docampo 16/06/2021

O Consello Galego de Universidades informa favorablemente a conxelación dos prezos públicos por décimo primeiro ano consecutivo. Autorízase a implantación de 12 titulacións e créanse novas escolas de estudos e investigación.

O Consello Galego de Universidades (CGU) reunido esta semana informou favorablemente a conxelación dos prezos públicos de matrícula do Sistema Universitario de Galicia (SUG) por décimo primeiro ano consecutivo. Deste xeito, Galicia volverá ter o próximo curso 2021/2022 os prezos medios máis baratos de España, consolidándose como unha referencia neste eido.

“A Xunta de Galicia –explicou o conselleiro– mantén a súa política de prezos asequibles para cursar estudos universitarios. Non só temos o prezo medio do crédito máis baixo de España, senón que ese prezo de primeira matrícula é o mesmo xa se trate de grao, máster habilitante ou calquera outro tipo de máster oficial”.

A través deste decreto de prezos públicos fíxase tamén a data do inicio do curso 2021/2022 nas tres universidades do SUG para o día 6 de setembro. Tendo en conta que, unha vez estabilizada a pandemia, as probas extraordinarias da ABAU se realizarán os días 13, 14 e 15 de xullo, este alumnado poderá incorporarse ás clases para aproveitar o primeiro cuadrimestre na súa totalidade.

Na reunión deuse tamén luz verde á creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, o que supón un novo fito no Campus Industrial ferrolán, o único en toda España con especialización acreditada. A creación desta Escola é unha das principais liñas de actuación do Plan Estratéxico do Campus de Ferrol 2021-2023, e supón a integración nun único centro da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña (EPS), situada en Esteiro, e a Escola Universitaria Politécnica da Universidade da Coruña (EUP), situada en Serantes.

A integración xustifícase na mellora en aspectos relacionados coa posibilidade de crear sinerxías entre as titulacións impartidas actualmente nas dúas escolas e acadar unha maior atracción de talento, tanto de estudantado Erasmus como de alumnado de posgrao e de investigadores e docentes. Así mesmo, procúrase unha maior accesibilidade do estudantado e proximidade co resto de servizos que ofrece a universidade no campus de Esteiro así como a potenciación da súa visibilidade e presenza na cidade, recoñecendo cada vez máis a vinculación da enxeñaría coa industria intelixente.

Así mesmo, o pleno do Consello Galego de Universidades informou favorablemente a creación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, unha vez acreditada a súa excelencia científica.

O pleno do CGU deulle tamén o visto e prace á creación da nova Facultade de Turismo da Universidade da Coruña, que vén de completar o proceso de desadscrición da escola universitaria de Turismo (Centro Español de Nuevas Profesiones (CENP) para impartir o grao de Turismo nun centro propio.

Como primeiro paso, e para que a UDC puidera impartir o grao no curso 2020/2021, autorizouse a súa oferta na Facultade de Filoloxía da UDC. Porén, a creación desta nova facultade específica permite unha visibilidade das titulacións, o que repercutirá nunha maior inserción laboral dos egresados. Tamén se adscribirán á nova facultade os títulos de Máster Universitario en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos, que actualmente se imparte na Facultade de Socioloxía, e o Programa de Simultaneidade entre o Grao de Turismo e o Grao en Ciencias Empresariais, que se imparte dende a Facultade de Economía e Empresa, que pasarán a ser responsabilidade do novo centro.

Ademais, a adscrición do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) á Universidade de Santiago de Compostela será unha realidade a partir do curso que vén ao abeiro do aprobado na reunión desta mañá. Na actualidade este centro está vinculado á USC mediante convenio asinado o 15 de setembro de 1995, polo que se recoñece ao CSHG como centro vinculado a esa universidade e imparte o título de Diploma Superior en Xestión Hoteleira como título propio da USC. Logo de analizar o expediente remitido pola Universidade de Santiago, unha vez que conta co informe favorable da ACSUG, emitido o 16 de abril de 2021, deuse luz verde a esta adscrición.

Os estudos que se imparten actualmente no CSHG constitúen a única oferta de estudos superiores no sector da hostalaría en Galicia e desde a USC valórase positivamente o proceso de formación de profesionais neste campo, cubrindo a deficiencia na oferta formativa da Comunidade Autónoma de Galicia que non contempla na actualidade ningún título universitario oficial neste eido.

Tamen se someteu a informe do CGU a autorización de implantación de 12 titulacións nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para o curso 2021/2022. En concreto, deuse luz verde á impartición de tres graos, 11 másteres e tres programas de doutoramento.

Todas estas titulacións contan co informe favorable da Secretaría Xeral de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades. No que a graos se refire, os graos adáptanse ao establecido no Acordo sobre o Mapa de Titulacións asinado entre a Consellería e os reitores das tres universidades do SUG o 20 de marzo de 2017.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad