A Xunta de Goberno vén de aprobar a concesión de subvencións para o FicBueu, Novos Cinemas, Cans, Play-Doc, Galician Freaky Film, Festival, Primavera do Cine, Festival de Cine Inclusivo e Curtas Festival do Imaxinario
A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos cara adiante no seu apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia. Deste xeito a Xunta de Goberno vén de aprobar destinar 150. 000 €, 20.000 € máis que no 2020, aos Rías Baixas Film Fest 2021, a marca que impulsou a institución provincial o pasado ano da man do sector e que integra aos festivais FICBueu (Bueu), Novos Cinemas (Pontevedra), Cans (O Porriño), Play-Doc (Tui), Galician Freaky Film (Vigo), Festival Primavera do Cine (Vigo), Festival de Cine Inclusivo (Vigo) e Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía).
As achegas, dirixidas ás entidades sen fins de lucro que promoven e desenvolven os festivais, oscilan entre os 7.550 € de contía mínima aos 29.500 € de máxima. A presidenta da Deputación Carmela Silva detallou que o FicBueu recibirá 27.500 €, Novos Cinemas 22.000€, Cans 25.000 €, Play Doc 29.549, Galian Freaky Film 7.550 €, Primavera do Cine 9.900 €, Festival de Cine Inclusivo de Vigo 8.500 € e Curtas Festival do Imaxinario 20.000 €. Tamén recordou que ao igual que o pasado ano estas subvencións, cuxas bases foron revisadas e acordadas co sector, diríxense a eventos cunha duración mínima de catro xornadas e ao menos 20 proxeccións; con cinco sesións ou un 10% de títulos de produción/dirección galegas; que conten cun mínimo de catro edicións consecutivas anteriores (exceptuando o 2020 por mor da covid), empreguen a lingua galega na comunicación e inclúan actividades paralelas educativas ou formativas.
Ademais destas axudas a Deputación ten tamén en marcha, entre outras iniciativas centradas no audiovisual, o programa de mecenado “Pontevedra, plató de Cinema”, que conta neste 2021 cun orzamento de 900.000 €, e os premios #Mulleresnofoco dirixidos a incentivar o talento, traxectoria e perfís de mulleres deste sector.