Juan de Marco 09/06/2021
Programa Erasmus+

A axuda mínima outorgada é de 375€ e a máxima de 2.255€. Todos os beneficiarios contan, ademais, coa axuda europea

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participa neste programa no curso 2020/2021. Un total de 596 estudantes beneficiaranse destas axudas autonómicas.
Por universidades, 220 dos beneficiarios son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 181 da da Coruña (UDC) e 195 da de Vigo (UVigo). Por áreas de coñecemento, o 56% dos alumnos son de Ciencias Sociais.
A contía mínima de axuda concedida ascende a 375€ e a máxima a 2.255€, mentres que a contía media é de 1.388€. Cómpre lembrar que a convocatoria galega contempla axudas para estancias de ata nove meses.
Unha vez distribuída entre todos os beneficiarios a contía que lles correspondía en función dos grupos de países e meses de estadía, houbo crédito suficiente para adxudicar a contía uniforme de 500€ a todo o alumnado que cumpría o requisito establecido na convocatoria de ter no seu expediente académico unha nota media igual ou superior a 7. Resultaron beneficiados por esta contía adicional un total de 313 estudantes.
Polonia, primeiro país de destino
Por países de destino, o maioritario é Polonia (151 estudantes), seguido de Italia (101), Portugal (58), Romanía (50) e República Checa (44). Por outra parte, 27 alumnos realizan o Erasmus en Alemaña, 25 en Eslovaquia, 24 en Francia, 21 en Eslovenia, 19 en Bélxica, 10 en Hungría, oito en Austria, Lituania e Grecia, seis en Irlanda, Noruega, Suecia, Bulgaria e
Croacia, catro en Finlandia, tres en Reino unido e Turquía e un en Dinamarca e Estonia.
Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias.
Estas bolsas apoian os estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad