Máis dun centenar de pilotos participarán este domingo, 30 de maio, no XI Enduro Cidade de Tui e Trofeo Ibérico Eurocidade, organizado polo Motoclub Randufe e o Motoclub A Peroxa. Celebrarase este domingo nas parroquias tudenses de Randufe, Malvas e Pexegueiro
Esta competición, que forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença, foi presentada na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Mario Rui Oliveira, o presidente e vicepresidente do Motoclub Randufe Adolfo Pereira e Andrés Urseira, e o presidente do Motoclub A Peroxa e representante da Liga Galega de Moto de Campo, Javier Quintas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a gratitude do concello “polo esforzo que implica organizar un evento coma este”. Engadía que esta proba “enriquece o calendario deportivo da Eurocidade, e da contido a este proxecto”. Asumiu amais publicamente o compromiso de saldar a débeda que teñen co Motoclub Randufe para poder materializar urbanisticamente o circuíto en Randufe.
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, agradeceu aos clubs organizadores a súa aposta por levar adiante este enduro e seguir facendo deporte na cidade.
O vereador de Desporto de Valença, Mario Rui Oliveira, manifestou a súa satisfacción por participar nesta presentación por dobre motivo. Por unha banda porque as asociación continúan organizando actividades e porque a “Eurocidade mantense viva e forte” apuntando que “facemos un esforzo para que a axenda cultura e deportiva se manteña”.
O presidente do Motoclub Randufe, Adolfo Pereira, salientou que o Enduro Cidade de Tui é a proba máis veterana deste deporte que se celebra en Galicia. Explicou que constará dun percorrido de 34 quilómetros polas parroquias de Randufe, Malvas e Pexegueiro, e contará con dous tramos cronometrados en Randufe e Chan da Misuela. Pola súa parte o vicepresidente do Club, Andrés Urseira, agradeceu que esta competición forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença. Sinalou o “efecto turístico e difusor da Eurocidade” que ten esta proba, indicando que vivir na Eurocidade é unha fortaleza que temos que aproveitar.
Javier Quintas, presidente do Motoclub A Peroxa e representante da Liga Galega de Moto de Campo, destacou o alto nivel que o enduro ten en Galicia e tamén a importante tradición que este deporte ten na Eurocidade Tui-Valença.
As condicións actuais coas limitacións derivadas da pandemia provocan que este ano non se poida chegar á cifra de 300 participantes doutras edicións, pero si haberá máis dun centenar en competición entre os que estarán os galegos Pedro Gonzalo ou Enrique Vega, e posiblemente tamén participe Sergio Navarro, actual campión do Mundo junior.
O parque pechado estará situado en Chan do Carrasco. Os pilotos tomarán a saída, cunha diferenza dun minuto, a partir das 11 h. Estímase que os primeiros poderán chegar a Malvas sobre as 12 h. A categoría senior realizará tres voltas ao circuíto até completar 126 quilómetros. Haberá dous tramos cronometrados. O público, con todas as medidas de seguridade, poderá ver a proba en Randufe ou Malvas, e tamén na estrada Tui-Gondomar, onde hai unha trialeira nunha zona empedrada e complexa.