A Deputación provincial participará nas feiras para apoiar ao sector do libro. A institución promocionará a actividade da Escola de Letras e a súa programación de Aviventa Cultura nas citas que se desenvolverán ata mediados de xullo nos concellos do Porriño, Redondela, Vigo e Ponteareas.
Os libros volven saír a rúa na provincia de Pontevedra nas catro feiras que desde este vindeiro xoves e ata mediados de xullo terán lugar nos concellos do Porriño, Redondela, Vigo e Ponteareas. A Deputación, no marco do seu firme respaldo ao sector cultural, vai estar presente nestas catro mostras que, impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia, teñen como principais obxectivos fomentar o hábito da lectura, dar visibilidade a autoras e autores da nosa escrita, promover o uso da lingua galega, e dinamizar o mercado editorial.
Nas catro feiras a Deputación vai contar cunha caseta institucional no que visibilizará as numerosas accións culturais e formativas que desenvolve para apoiar á escrita, de xeito especial a Escola de Letras. Así, o libro que recolle unha escolla de textos do alumnado do primeiro ano da escola, Tes cinco minutos #1, será un dos eixes centrais xunto a outras publicacións de Turismo Rías Baixas. Tamén, as persoas visitantes poderán coñecer a través dun audiovisual as distintas actividades da programación que, co lema Aviventa Cultura, está a realizar a Deputación para insuflar alento ao sector cultural trala pandemia, así como os distintos programas que desenvolve ao longo do ano.
Doutra banda, tamén estarán a disposición das persoas visitantes varios libros para consulta, que poderán adquirirse nos outros postos das librarías participantes. Ademais do citado Tes cinco minutos #1, de Galaxia, figurarán tamén María Vinyals. A muller do porvir (Editorial Alvarellos, 2019) e O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias , ambos de Diego Piay Augusto e editados por Alvarellos, así como Galaicos. Un pobo entre dous mundos (Alvarellos, 2018) de varios autores e autoras.
A primeira das feiras nas que participará a Deputación de Pontevedra será a do Porriño, que terá lugar desde este xoves 27 ata o 30 deste mes de maio na rúa Ramón González. Posteriormente, terán lugar as de Redondela (do 17 ao 20 de xuño na Alameda), Vigo (do 1 ao 10 de xullo na rúa do Príncipe) e a de Ponteareas (do 15 ao 18 de xullo na praza Maior).