Destaca que o 15% da delegación española ten acento galego, un feito que responde a “un traballo intenso realizado por todo o tecido deportivo en prol dos deportistas con discapacidade e do deporte adaptado”
O acto contou coa participación da triatleta Susana Rodríguez, o tirador Juan Saavedra, a atleta Adiaratou Iglesias, o taekwondista Alex Vidal e o piragüista Adrián Mosquera
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación dos vinte e un deportistas galegos preseleccionados no equipo español de cara aos Xogos Paralímpicos de Toquio que terán lugar entre o 24 de agosto e o 5 de setembro. Deles dixo ser “o exemplo perfecto de fortaleza e capacidade de superación para moitas persoas e, máis aínda, despois dun período de enormes dificultades como a pandemia”.
No acto tamén participaron a triatleta Susana Rodríguez, o tirador Juan Saavedra, a atleta Adiaratou Iglesias, o taekwondista Alex Vidal e o piragüista Adrián Mosquera. “Susana cun diploma en Río e Juan cunha prata en Londres son os mellores guías para outros que veñen detrás como Adi, Alex ou Adrián que se estrearán en Xapón nuns Xogos Olímpicos”, apuntou. Lete Lasa tamén destacou a figura de Desirée Vila que hai tres días clasificábase tamén para a cita olímpica en salto de lonxitude e lembrou a outros galegos que completarán a delegación española como Gustavo Nieves (maratón), Jacobo Garrido (natación) e Martín da Puente (tenis en cadeira de rodas), así como aos que se atopan en plena carreira olímpica como Agustín Alejos, David Mouriz, Manuel Lorenzo e Vicky Alonso (baloncesto en cadeira de rodas) ou Guillermo Javier Rodríguez (tiro con arco).
O secretario xeral para o Deporte destacou que o 15% da delegación española ten acento galego, un feito que responde a “un traballo intenso realizado por todo o tecido deportivo en prol dos deportistas con discapacidade e do deporte adaptado”. Do último recoñecemento de deportistas galegos de alto nivel (que acada 458 deportistas), 17 son deportistas con algún tipo de discapacidade, “a cifra máis alta de deportistas con discapacidade recoñecidos nunha resolución DGAN”. Seguindo co exemplo do alto nivel, Lete Lasa recordou que, desde 2004, as bolsas paralímpicas e olímpicas teñen en Galicia a mesma contía.
De entre os máis de 250 deportistas preseleccionados no equipo paralímpico español sairá a lista definitiva para acudir aos Xogos, que estará composta por uns 115 deportistas e farase oficial na primeira quincena de xullo.