Redacción 20/05/2021

Representantes de “ACOUGO” acudiron esta mañá ao Concello para a sinatura dun convenio de colaboración. As primeiras accións municipais neste senso son a celebración dunha palestra, hoxe pola tarde, e unha moción que se levará ao vindeiro Pleno da Corporación Municipal.

 

O Concello de Mos e a Asociación Galega de Familias de Acollida “ACOUGO” asinaron onte un convenio de colaboración mutua entre ambas entidades para o desenvolvemento no municipio mosense de programas de atención, formación e difusión en materia de sistema de protección de menores así como da medida específica de acollemento familiar, que promove a Asociación “ACOUGO” e de apoio ao traballo en incidencia política e sensibilización para a transformación e mellora social sobre acollemento familiar e residencial, dereitos da infancia do Sistema de Protección, familias de orixe e familias de acollida.

Cunha “perspectiva holística e de xénero”, o Concello asegura que facilitará “na medida das posible” o uso de espazos e equipos que se poidan precisar para acadar tales fins e a entrada das persoas aso servizos psicosociais educativos, de deporte ou ocio dependentes do Concello.

A primeira das actividades de cooperación conxunta terá lugar hoxe mesmo e consistirá nunha palestra informativa sobre o acollemento familiar. Co fin de difundir o acollemento familiar como o mellor recurso para a protección á infancia e adolescencia en situación de desamparo ou risco, o Concello de Mos organiza hoxe, xoves, unha palestra informativa sobre o acollemento familiar. Terá lugar ás 19:00 h, no pazo de Mos, previa inscrición (por protocolo anti covid). Estará dirixida non só ás familias interesadas en acoller, si non tamén a profesionais e persoas interesadas en coñecer este recurso tan necesario para que os menores en desprotección crezan coa maior estabilidade física e emocional.

O acollemento permite darlles a posibilidade dun modelo de familia estruturada e normalizada, con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén. Dar aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados pero sen romper, na medida en que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica é fundamental para o seu desenvolvemento e para a construción dunha futura vida emocional saudable. 

Outra iniciativa será levar a Pleno unha moción relativa a equiparar real e efectivamente as persoas menores en acollemento familiar á condición de «fillo/a» e o recoñecemento de familias de especial protección ás familias acolledoras, na que se tomen os acordos de: ordear e actualizar a normativa municipal para establecer expresamente a equiparación real e efectivamente, para todos os efectos administrativos, aos menores en acollemento en calquera das súas modalidades —temporal, permanente ou preadopción ou de urxencia— á condición de fillo durante o tempo que o menor estea baixo acollemento familiar. A moción proporá realizar medidas, que apoien positivamente a estas familias e menores; incorporar o item de familia acolledora ou crianza en acollida, nos impresos en todas as áreas da Xestión do Organo de Goberno local; realizar accións que apoien positivamente a estas familias e menores; considerar ás familias acolledoras de especial protección así como outro tipo de familias que teñan tamén esta consideración; aplicar medidas de discriminación positiva que faciliten a vida comunitaria a nivel local das persoas que acollen e as acollidas; valorar a posibilidade de facer unha formación básica para o persoal e Equipo de Goberno do Concello en materia de Medidas de Protección de menores, especialmente sobre acollemento familiar; e, por último, elaborar un Rexistro Municipal de Familias Acolledoras.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad