Redacción 19/05/2021

Este pasado 17 de Maio, Pauliña estreou o seu terceiro L. P., “Testemuñas”, fechando así unha etapa ateigada de cambios, gañas, emoción e moito traballo. No concerto deste sábado ás 20 h, Pauliña estará acompañada de High Paw, Nee Barros e Fosi.

 

TESTEMUÑAS é un claro exemplo de todo o que nos rodea. Non só no referente á COVID, senón tamén os problemas que xa tiñamos e dos que nos estamos esquecendo. A loita feminista segue estando moi latente, pero desta volta a temática tamén xira en torno a Galiza, quizáis pola etapa universitaria que Pauliña comezou a vivir este ano. Foi un pracer que neste novo traballo colaboraran grandes nomes da cultura galega como o Leo de atamá, High Paw, Nee Barros e Fosi Labazada, e tamén un dos grandes nomes da música portuxesa como son os Kumpania Algazarra, compañeirxs dxs que aprendeu moito neste novo rexistro co que nos atopamos.

Este é un disco bailable, con ritmos mesturados e toques ao blues, que tanto a acompañou o longo da súa vida. A figura do demo é un eixo fundamental neste traballo, xa que lembrouse moito do devota que era a súa avóa, dos medos que a atormentaban, …, tan escuros e previstos que non lle quedou máis remedio que facer estas alusións ao pensamento desprezable da igrexa.

No deseño existen claras alusións a todas as cancións do disco, quedando compactado en imaxes moi claras. Referencias a Urbano Lugrís, referente da pintura galega, a Cambados, á loita, ás mulleres en medo e decididas (quitando xa o papel de vítimas), ó demo e os cruceiros do que tanto falaba Castelao: …en cada cruceiro de pedra, un pecado.., ás tabernas e furanchos que dende moi nova frecuentou en Barrantes ou na súa vila natal, e, obviamente, unha referencia de despreocupación, de modernismo, de innovación como foron os Beatles (coa imaxe da rapaza coas gafas e a flor).

Un traballo moi intenso, con axuda de moita xente que viu a luz o luns 17 de maio, día das nosas letras, xunto cun primeiro videoclip da man de Xaime Miranda e Iago Vilariño (gañadores da pasada edición dos premios Mestre Mateo), e que leva por nome Remordementos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad