Roi Rodríguez, Adrián Trillo, Alberto Trincado e Carolina Pereiro foron onte protagonistas da recepción municipal que se celebrou coincidindo coa V Xornada de Natación Máster que acolleu o Pavillón Óscar Pereiro.
Coincidindo coa V Xornada de Natación Máster que hoxe se disputa na Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro, o Concello de Mos organizou unha recepción ao Club Natación Mos polos últimos resultados obtidos no Campionato Galego de Fondo Máster e no Campionato de España Infantil.
O Club Natación Mos acudiu con só tres nadadores ao Campionato Galego de Fondo Máster que se disputou en Carballo o domingo, 25 de abril, onde participaron 17 clubes. Nesta competición o Club Natación Mos obtivo os seguintes resultados en 800 metros libre: Roi Rodríguez López, resultou campión galego, con récord galego máster na categoría de 20 a 29 anos e premio á mellor puntuación Fina. Adrián Trillo Rodríguez, resultou subcampión na categoría de + de 25 anos. Alberto Trincado Fernández, alcanzou un meritorio 4° posto na categoría de + de 50 anos. No cómputo final por clubes, o Club Natación Mos quedou 3° en categoría masculina, a un só punto do subcampión, a pesar de acudir con só tres nadadores.
Pola súa banda, a nadadora Carolina Pereiro fixo o pasado mes de marzo un excelente papel no XL Campionato de España Infantil en Málaga, onde se situou entre as 12 mellores do noso país.