As obras deste vial foran comprometidas e orzamentadas durante anos nos PGE pero é agora cando o Goberno inicia o proxecto. O anuncio faino Podemos, trala pregunta feita por Gómez Reino no Congreso en relación a este asunto.
En resposta a unha pregunta escrita rexistrada polo grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana indica que xa está en marcha a redacción do proxecto para a construción da variante de Ponteareas, para conectar a A-52 co estrada nacional N-120. Asi o manifestaba o deputado galego, Antón Gómez Reino, que trasladou ao Congreso esta demanda histórica da veciñanza de Ponteareas que levan anos demandando unha solución a este problema no nó de comunicacións da vila pontevedresa.
O vial de conexión chegou a contar con dotación orzamentaria nos PGE dos sucesivos Gobernos de PSOE e PP, até 27 millóns de euros, pero até agora non se chegaran a iniciar os traballos previos para a súa execución real. En resposta a pregunta parlamentar formulada por Gómez Reino, o Goberno de coalición vén de confirmar o inicio da redación do proxecto para a construción do vial de conexión, unha demanda histórica da veciñanza agrupada na Plataforma N-120.
‘O novo viario de conexión entre a autovía A-52 e a estrada nacional N-120 conta coa correspondente orde de estudo e xa comenzou a súa redacción’, sinala o ministerio en resposta parlamentar. O voceiro provincial de Podemos, Román González Garrido, sinala que “Podemos continuará a traballar para que este e outros proxectos que continúan pendentes nas estradas de Pontevedra -como é o caso do Alto de Puxeiros-se fagan realidade”. ‘O noso deputado, Gómez Reino, trasladará cuestión ao Congreso a través dunha iniciativa parlamentar para que se execute definitivamente despois dos anos de inacción do Partido Popular’, rematou.