Redacción 16/05/2021

Desde o pasado novembro realizáronse un total de 22 accións formativas presenciais que suman, segundo o Concello, 1.062 horas de duración no marco do Programa Integrado de Emprego. A formación online ascende a 2.270 horas. A “inserción laboral” que describe o Concello trátase, en moitos casos, das prácticas profesionais non laborais incluídas no propio plan formativo.

 

O Concello de Mos emite un comunicado onde celebra que “a crise derivada da COVID-19 non frea a creación de emprego en Mos e o Programa Integrado de Emprego leva a data de hoxe acadada unha porcentaxe de inserción do 45% cando se atopa no seu ecuador”. En concreto, tal taxa de inserción quere dicir que 45 dos 100 participantes do programa “traballan ou traballaron” desde o inicio do programa, se ben o Concello non detalla o tipo de contrato ou situación laboral na que se encontran hoxe en día.

Segundo o propio comunicado do goberno local, na actualidade serían 26 as persoas beneficiarias deste programa que realizan prácticas ou traballan para empresas de diferentes sectores. Até 3 desas 26 persoas poderían contar, efectivamente, cun contrato laboral. O alumnado restante, cuxa inserción é celebrada, encontraríase en prácticas, e se ben os propios programas integrados de emprego inclúen obrigatoriamente un periodo de prácticas profesionais non laborais en empresas, descoñecemos o carácter real da situación laboral destas persoas.

Actualmente estase cursando un curso dirixido á obtención do Certificado de Profesionalidade de Operacións Auxiliares do Almacén, que comezou o pasado 13 de abril e prolongarase ata o vindeiro 28 de xuño. A acción formativa, que consta dun total de 210 horas, entre teóricas e prácticas en empresa, está a ser impartida por FormaLar. Este curso é presencial e próximamente, concretamente o día 18 do presente mes de maio, empezará outro curso de Actividades Auxiliares de Almacén online. Á súa vez 28 usuarios están a realizar 2.270 horas de formación online e hai unha previsión de poder realizar outras 2.151 horas.

Durante os meses de abril e maio 6 dos alumnos que realizaron o curso de Programación de robots industriais de 40 horas de duración comezaron un periodo de prácticas no departamento de mantemento da empresa Benteler Automotive Vigo nas plantas ubicadas en Mos e Valadares. Unha das persoas que xa rematou as prácticas incorporouse a traballar na planta de Valadares, segundo informa o Concello.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad