Redacción 12/05/2021

Unha vez que o Goberno local aprobe os documentos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá comprar os terreos que faltan e licitar a primeira fase da obra.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda completou hoxe a presentación no Concello de Vigo dos proxectos de urbanización necesarios para a ampliación de San Paio de Navia. Deste xeito, o Goberno municipal dispón xa da documentación correspondente ás tres fases nas que se divide a urbanización e, polo tanto, pode continuar coa súa tramitación e aprobación, un paso indispensable para poder licitar as obras.

Así, o seguinte trámite será que o Concello de Vigo aprobe inicialmente os proxectos de urbanización para, de seguido, sometelos a exposición pública durante o prazo dun mes, solicitando simultaneamente os informes sectoriais que correspondan. Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres meses para proceder á aprobación definitiva dos tres proxectos –fases 1, 2 e 3‑.

Cómpre lembrar que a aprobación dos proxectos de urbanización facultará ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para levar a cabo a expropiación dos terreos que non se puideron adquirir mediante compravenda ou permuta. A tal fin, o IGVS iniciou a tramitación dos expedientes de expropiación o pasado 6 de abril, cando se publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se iniciou o proceso de información pública dos proxectos para facerse coa titularidade destas parcelas.

Unha vez adquirida a totalidade dos terreos necesarios para a ampliación, o IGVS procederá á licitación da primeira fase das obras de urbanización en San Paio de Navia.

A ampliación do solo residencial neste ámbito permitirá a construción dunhas 1.600 novas vivendas protexidas na cidade de Vigo, o que suporá un investimento de 250 millóns de euros por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 metros cadrados que, ademais de vivendas, acollerán zonas verdes, superficies de uso terciario, máis de 1.000 prazas de aparcamento e un carril bici de dous quilómetros.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad