Redacción 11/05/2021

O Concello informa da visita do grupo Girl’s Gang, con dúas mosenses entre as súas integrantes, á casa consistorial. Durante a xuntanza mantida, as artistas “selaron o seu compromiso” de participar na programación de La Vuelta ao seu paso por Mos e na conmemoración do 25 de novembro, día internacional pola eliminación da violencia contra a muller.

 

Girl’s Gang son as mosenses de San Rafael, parroquia de Pereiras, Antía Caride Otero e Tamara Casal Barbeito, e as viguesas Anabel Abalde Campos e Laura Martínez Puga (Law). Un grupo musical nacido en 2020, en pleno confinamento pola pandemia da COVID-19, que onte tivo a súa “presentación oficial” no Concello de Mos.

Na presentación narraron o inusual do seu nacemento como grupo musical, xa que foi en plena pandemia cando Law lle escribiu a Antía a través dunha rede social para propoñerlle unha colaboración artística da que naceu o que hoxe é Girl’s Gang. Tras meses de chamadas telefónicas e videoconferencias, por fin comezaron a ensaiar xuntas presencialmente en xullo de 2020.

O Concello sinala que o “seu peculiar concepto musical, que xunta voz con elaboradas coreografías, fainas orixinais e singulares”, destacando que o feito de o seu proxecto ser “100% feminino” é o que as fai “máis únicas”. Subliña así que sexan as catro mulleres quen se encarguen “de toda a produción” e asegura que “as empodera no seu rol feminino”.

Dentro do grupo, Antía Caride asume o papel de coreógrafa e responsable de imaxe, xa que “domina estas disciplinas a nivel profesional, ao ser profesora de baile e estilista profesional para outros cantantes e proxectos de moda”; ademáis de ser tamén cantante noutro dúo musical. Tamara Casal Barbeito, esteticista profesional e cantante nun coro, encárgase do deseño e execución dos maquillaxes do grupo. Anabel Abalde Campos é, xunto con Antía, a outra coreógrafa do grupo; xa que profesionalmente ten unha escola de danza e traballa tamén como profesora de baile noutros centros. Por último Law, profesora de canto, modelo e guionista profesional, asume en Girl´s Gang a responsabilidade das armonías vocais.

As representantes municipais selaron esta mañá o compromiso da administración local mosense con Girl’s Gang para futuras colaboracións entre as que se atoparán unha actuación incluída no programa de actividades con motivo de La Vuelta 21 en Mos, así como outras iniciativas de cara á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro, como charlas ou mesas redondas para o alumnado do IES de Mos, un concerto… etc.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad