Redacción 11/05/2021

A institución remite un escrito ao Consello e máis dun centenar de comunicacións á Valedora do Pobo, ao goberno de España, ás organizacións empresarias e profesionais, e aos medios de comunicación, na reclamación dun compromiso real coa paridade 

 

Cando as mulleres denuncian comportamentos nos que non se conta coa metade da poboación e co seu talento non queda outra que rectificar. Desta forma, a Deputación de Pontevedra analizou nas últimas horas a “obrigada marcha atrás” da Xunta de Galicia, cuxo presidente, Núñez Feijoo, tivo que anunciar que finalmente haberá mulleres no Consello de Administración da nova sociedade creada para impulsar proxectos estratéxicos  no marco dos Fondos Europeos Next Generation. A institución provincial, que preside Carmela Silva, dá a benvida á rectificación, aínda que a considera como “un cambio obrigado pola denuncia e cunha xustificación titubeante e absurda do presidente da Xunta cando intentou explicar que a composición do Consello non era definitiva cando todo o mundo sabía que si o era”. 

Aínda así, a Deputación de Pontevedra remitiu hoxe máis dun centenar de comunicacións destinadas aos integrantes do Consello de Administración da sociedade creada, ás organizacións empresariais e profesionais e aos medios de comunicación para trasladar a necesidade dun compromiso real coa paridade e coa presenza de mulleres en calquera tipo de actividade que se realice. De feito, a institución provincial, amais de solicitar a complicidade de todos os colectivos para facer esta loita de forma conxunta, pide tamén que non se participe en todos aqueles actos nos que as mulleres non estean presentes. 

A Deputación remitiu igualmente un escrito a Valedora do Pobo á quen traslada a denuncia dos feitos, na que lembra a lexislación que se estaría a incumprir se non se dera marcha atrás “da inaceptable representación da sociedade neste Consello”. Esta disfuncionalidade, xerada pola ausencia de mulleres, está contradicindo numerosas disposicións legais entre as que se atopan o Tratado de Ámsterdam, que insta a que a igualdade se integre en todas as políticas e accións da Unión Europea e estados membros, e a propia Constitución Española que nos seus artigos 9.2 e 14 proclama o dereito á igualdade formal e efectiva. Tamén contravén os artigos 1,6, 14, 15, 16 e a disposición adicional primeira da Lei Orgánica 3/2007 de Igualdade que, entre outras cuestións, insta aos poderes públicos a atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes nos nomeamentos e designacións. 

No que respecta á nosa comunidade, a composición exclusivamente masculina do Consello é contraria aos artigos 1,2 e 5 do Decreto Lexislativo 2/2015 de Igualdade onde se recolle, entre outros aspectos, que  a Xunta de Galicia ten que integrar a igualdade nas políticas e accións que impulse e fomentar a participación equilibrada de mulleres e homes na toma de decisións. Finalmente, contravén  a filosofía dos mesmos fondos europeos, que teñen á igualdade de xénero como un dos seus grandes eixos, e a da propia Axenda 2030, cuxo ODS número 5 é transversal a todos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. 

Finalmente, a Deputación de Pontevedra dirixiuse tamén ao goberno de España, a quen deu coñecemento do ocorrido, cun escrito especificamente dirixido aos ministros e ministras que teñen responsabilidade na valoración, control e xestión dos fondos europeos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad