Máis de 600 persoas teñen visitado xa a mostra na Sala Municipal
Últimos días para visitar na Sala Municipal de Exposición a mostra “Estampas anagrámicas” que rematará este sábado, 15 de maio.
A mostra está integrada por 72 láminas do ilustrador e debuxante tudense Rafael García Sánchez coa orixinalidade que cada debuxo, dedicado a unha persoa ou lugar, está realizado combinando as letras da cada palabra, pero asombrosamente esa combinación de letras logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar. Hai unha mestura de sinxeleza, de calidade no trazo e de modernidade logrando unhas imaxes que anticipan as técnicas de deseño contemporáneo.
Dende a súa inauguración, o pasado 7 de abril, achegáronse até a mostra preto de 600 persoas, tanto persoas individuais como diversos grupos escolares para descubrir a este ilustrador tudense, da primeira metade do século XX, e que ata agora permanecía no descoñecemento do público. Esta mesma exhibiuse en Tui hai 87 anos no Casino tudense, no ano 1934, cando se celebraron as festas de San Telmo no mes de xuño.
Apuntes biográficos de RAFAEL GARCÍA SÁNCHEZ
Son escasos os datos biográficos que coñecemos.
Nace en Tui nos anos oitenta do século XIX. Foron seus pais Ignacio García e Generosa Sánchez e os seus irmáns José García Sánchez, afamado avogado tudense e correspondente do Faro de Vigo moitos anos, Manuel, médico militar, Ignacio, comisario de policía, e Purificación, casada co militar portugués Isidoro Pereira Padín. Rafael García Sánchez estivo solteiro.
En 1911 como empregado dunha casa industrial e traballando en Portugal foi detido en Régoa, acusado de conspiración contra a recentemente proclamada República portuguesa, e encarcerado en Porto e Lisboa durante once meses, liberado coa obriga de abandonar Portugal tras as xestións do ministro plenipotenciario na legación de España en Lisboa, Rodrigo de Saavedra y Vinent, II marqués de Villalobar.
Posteriormente na súa actividade profesional foi oficial de Facenda, adscrito a cidade de Tui, logo destinado, a petición propia, á Aduana de Behovía – Irún onte traballou ata a súa xubilación.
Dedicado dende novo ao mundo da ilustración, colabora en diversas publicacións como “Vida gallega” (1920), “Faro de Vigo” (1925) ou a revista tudense “La Semana” (1925).
Cultivou tamén a “cisografia”, técnica consistente no debuxo de persoas ou escenas recortadas en cartolina negra colocadas sobre un fondo luminoso; realizando diversas exposicións con esta técnica.
Rafael García Sánchez forma parte dunha xeración de ilustradores tudenses de alta calidade que abrangue a Eduardo Padín Rodríguez (Tui 1886 – Vigo 1979), José Izquierdo Durán “Yzquierdo” (Tui 1890 – Madrid 1930), Guillermo Taboada Infante (Tui 1909 – Madrid 2006) e José Castro Arines (Tui 1911 – Madrid 1997).
Esta colección foi entregada ao Concello de Tui no ano 2019 pola familia Arean Pereira e houbo que agardar ata agora para poder realizar esta exposición inaugurada coincidindo coas festas patronais de San Telmo.
EXPOSICIÓN ESTAMPAS ANAGRÁMICAS
Esta exposición “Estampas anagrámicas” foi inaugurada, por vez primeira, no “Lar Gallego” de San Sebastián coincidindo coa festa do apóstolo Santiago do ano 1932.
En xuño do ano 1934 realiza de novo esta exposición no Casino de Tui, enviando a colección de estampas ao presidente de la Liga de Amigos de Tuy, don Rosendo Troncoso Bugarín, para ‘amenizar el programa de festejos de San Telmo. Habiamos admirado ya en otras ocasiones algunas de las sugestivas creaciones de este “verdadero artista” del lápiz y la pluma que le otorgaban con indiscutible derecho el titulo de gran dibujante’ sinala o correspondente de El Pueblo Gallego.
No ano seguinte, nos meses de outubro e novembro de 1935, esta mostra foi presentada en Vigo nos salón de “Amigos del Arte”.