As achegas beneficiarán a Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, A Estrada, Gondomar, O Grove, Lalín, Mondariz, As Neves, Nigrán, Pontecesures, Redondela, Vilaboa e Vilagarcía.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do Plan Concellos para dotar de recursos aos municipios da provincia, neste caso cun investimento de 508.131 euros ao abeiro da Liña 2, destinada a financiar amortizacións, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades socioculturais. En concreto, repartiranse 22 achegas que beneficiarán a 15 concellos: Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, A Estrada, Gondomar, O Grove, Lalín, Mondariz, As Neves, Nigrán, Pontecesures, Redondela, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.
No caso da financiación de gastos correntes, as achegas de maior contía son para Cerdedo-Cotobade e a Dozón, que recibirán 128.102€ e 76.875€ para sufragar respectivamente o servizo municipal de iluminación pública e o de recollida de lixo. Doutra banda, Bueu recibirá 67.308€ para costear o servizo de iluminación, mentres que Lalín percibirá 47.600€ para costear o pintado de rúas e pasos de peóns, e O Grove a cantidade de 35.593€ para financiar subministro de enerxía eléctrica.
Outras achegas irán para Redondela, que contará cunha axuda de 20.211€ para o servizo de seguridade privada nas oficinas de Servizos Sociais de Redondela e Chapela; así como para As Neves, que poderá actualizar a web municipal e poñer en marcha a plataforma web Vive nas Neves (29.000€). Pontecesures recibirá 11.011€ para a contratación e asesoramento para a implementación da RPT aprobada, e Vilaboa, un total de 11.658€ para abordar o gasto do tratamento de residuos sólidos urbanos.
Amais, aprobáronse 12 achegas para financiar actividades socioculturais, entre elas a XLVIII Festa do Salmón da Estrada (12.680€). Nigrán recibirá tres achegas para financiar o Solpor Monteferro (8.000€), o Parrulas Fest (5.000€) e a Música nas Parroquias (12.000€), mentres que o Concello de Mondariz financiará o programa Mondariz de Cine (4.200€), as Escolas de Hípica (3.000€) e Piragüismo e Deporte Multiaventura (2.580€), así como a proba de orientación nocturna Orientatea (1.000€).
As actividades de Ocio Saudable e Scape Room en Lalín (7.000€) ou o Proxecto Educación Emocional coa Adolescencia – Afrontamento ante a pandemia en Vilagarcía, (5.000€) son outras actividades que recibirán achegas da Deputación, ao igual que o Proxecto Eco-Aprendo de Cuntis (14.520€) e o ciclo de charlas obradoiro Falamos, en Gondomar (4.647€).